Skip to main content
ActualidadeMondoñedo

Arrinca en Mondoñedo un programa para maiores de dinamización TIC

Por 13 Xaneiro, 2021Febreiro 19th, 2021Sin comentarios

Arrica en Mondoñedo un programa para maiores de dinamización TIC O Concello de Mondoñedo pon en marcha un programa de dinamización TIC dirixido ás persoas maiores de 65 anos que se desenvolverá en tódolos núcleos do municipio.

A programación, organizada polos técnicos de Servizos Sociais xunto ao equipo do programa As Tic na Casa, achegará as tecnoloxías á vida diaria das persoas de idade avanzada. Este servizo ofrecerá unha asistencia descentralizada e gratuíta que acompañará aos primeiros participantes, chegando aos seus fogares.

A concelleira de Servizos Sociais, Ángeles Rodríguez Rico, sinala que “a posta en marcha deste proxecto social ten como obxectivo favorecer o envellecemento activo”; xa que, nestes momentos, as restricións pola pandemia da covid-19 limitan o acceso ao club do xubilado ou aos locais das asociacións de mulleres nos que se desenvolvían múltiples actividades físicas e cognitivas. Estes locais que reunían a máis dun centenar de maiores e que actuaban como lugares de socialización fomentaban tamén o envellecemento activo.

Será o equipo de As Tic na Casa o responsable de achegar a máis dunha decena de maiores as novas tecnoloxías para dar a coñecer as vías de acceso á rede, o manexo básico de buscadores, uso de sistemas de videochamada e comunicación a través das redes sociais.

Virginia Vidal, a dinamizadora do programa, axudaralles a estar preto da realidade social mantendo o contacto cos seus seres queridos e acceder á información que precisen sen ter que depender para iso doutras persoas a partir de agora.  Así mesmo, “en momentos do día ou do ano onde a estancia no fogar é máis longa, o uso destas tecnoloxías favorecerá a distracción converténdose nunha alternativa atractiva e estimulante para unha ocupación no seu tempo libre”.

A experiencia do equipo de As Tic na Casa de programas anteriores é que os maiores teñen un interese polo uso e aprendizaxe das novas tecnoloxías para actividades da vida cotiá coma ler e ver as noticias, escoitar podcast, ver vídeos, comunicarse cos seus seres queridos e outras actividades de estimulación cognitiva.