Skip to main content
ActualidadeFoz

Pechado o acceso ás praias dos Xuncos e Areoura pola presenza de medusas

Por 13 Xaneiro, 2021Sin comentarios

Pechado o acceso á praia dos Xuncos pola presenza masiva de medusasO Concello de Foz pechou o acceso ás praias dos Xuncos e Areoura debido á chegada dun gran número de carabelas portuguesas, unhas medusas que poden resultar moi perigosas ao contacto.

A presenza deste tipo de medusas estase a detectar dende o pasado venres en distintos areais focenses, como o das Polas ou o de Llas, pero nestes casos o número de exemplares que chegaron ás praias foi moito menor que o rexistrado na dos Xuncos e Areoura, polo que foron retirados polo persoal municipal sen que se chegasen a pechar os accesos.

As carabelas portuguesas son unha especie altamente tóxica polo veleno que acumulan nos seus tentáculos e que desprenden mesmo de mortas. Por iso, o Concello de Foz insiste en pedir precaución aos veciños para non entrar en contacto con elas e procurar manter tamén alonxadas ás mascotas.

A presenza destas medusas non é nada habitual nas praias da Mariña ao ser unha especie propia de augas cálidas. Todo fai pensar que a súa aparición está vinculada ás borrascas que arrastran aire cálido hacia a costa e que xa fixeron que en días pasados se detectase a súa presenza nalgunhas praias da Coruña, que tamén foron pechadas ao público.