Burela inicia unha campaña para promover o uso correcto do punto limpo

Burela inicia unha campaña para promover o uso correcto do punto limpoA Concellería de Medio Ambiente de Burela está a realizar campañas de concienciación para promover un uso correcto do punto limpo. Fainas a través das redes sociais municipais e tamén a pé de rúa.

A concelleira de Medio Ambiente, Toñi Eijo, sinalou que “desde a Delegación de Medio Ambiente queremos facer fincapé na necesidade de facer un bo uso do punto limpo. Está aberto de luns a venres de 16:30 a 20:30 horas e os sábados de 9 a 13 horas”. E insistiu en que “é preciso chamar ao punto limpo para poder depositar a pé de rúa os voluminosos, non vale con baixalos cando nos parece. Esta recollida faise agora a diario e é gratuíta, pero hai que chamar e respectar o día que nos indican por teléfono para baixalos”. O teléfono ao que debe dirixirse a cidadanía é o 626 76 31 42.

Eijo dixo que “en Burela estamos tendo bastantes problemas con este tema, hai xente que deixa os enseres xunto aos contedores, pero sen avisar previamente ao punto limpo. Tamén estamos atopando en zonas verdes, paseos, montes, etc… enseres tirados, creando pequenos vertedoiros incontrolados e isto non pode ser”.

A edil burelesa engadiu: “queremos acabar con estas condutas tan pouco cívicas e irrespectuosas co medio ambiente. Ademais quero lembrarlle á poboación que contamos cun Punto Limpo Móbil que os martes e os venres se sitúa en distintos puntos do pobo para facilitar a reciclaxe de obxectos que non teñen cabida nos contedores de recollida selectiva que están repartidos polo pobo”.

Toñi Eijo fai unha chamada á veciñanza “para que empregue axeitadamente os servizos cos que contamos no Concello. Non hai necesidade de deixar durante días os voluminosos na rúa sen avisar previamente e aínda menos necesidade hai de crear vertedoiros incontrolados”.

A concelleira de Medio Ambiente, Toñi Eijo, e o alcalde, Alfredo Llano, presentaron esta mañá a campaña de concienciación.

Etiquetas

A %d blogueros les gusta esto: