Skip to main content

Por Noelia Castro Yáñez

A saúde mental é, en termos xerais, o estado de equilibrio entre unha persoa e o seu entorno sociocultural, aquelo que garante a súa participación laboral, intelectual e de relacións para acadar benestar e calidade de vida. E eu, coido que foi a principal perxudicada neste ano que rematou. Non estou eu moi segura de que o que tivemos como lema ao longo de todo o confinamento: “Sairemos mais fortes” fose levado con totalidade á práctica. Cando menos no meu entorno mais de preto. Porque todos tivemos momentos duros e pensamentos escuros. Moi lonxe da psicoloxía, escribo estas liñas sempre desde o lado do paciente. E desde o lado do familiar, moito disto último.

Sempre foi un dos temas considerados tabú, por doloroso ou ofensivo. E eu falo por min,porque non sei o que lle parecerá ao resto.  Das miñas asiduas visitas a Raquel durante a carreira. Da paz coa que saía da súa consulta. Porque me deu raíces, xusto as que precisaba para voar. Foi ela a que me deu ferramentas para xestionar as emocións que nalgures me desbordaron. A que me ensinou que eu xa sabía do que era capaz aínda que me parecese o contrario. A que nada mais abrir a porta, era quen de cheirarme o espírito. E un día agardei fóra da sala e a voz que me chamou non me soou familiar, porque Raquel marchara axudar a outras rapazas fóra da vila. Fóra do meu alcance. E eu sentinme soa, abandonada. Entrei con recelo e a nova psicóloga non tiña nada que ver con Raquel. E por moito que se esforzase non era quen de encher o meu baleiro. Consultas despois decateime de que “cada maestrillo tiene su librillo”, e que era capaz de axudarme doutro xeito. Quizais non do que a min mellor me acaía, pero un dos seus esquemas preside a miña mesa da Academia. Porque ela sabía da miña mente matemática, e cun esquema pódese simplificar ata o mais difícil dos problemas.

Cando precisei da súa axuda, xa non me soou a novo. O avó xa acompañara a M. desde ben pequena ao psiquiatra a Lugo. E o que agora nos amilagra, para Libardo era coma quen vai ao dentista porque lle doe unha moa. Necesario. Esto non fai mais que confirmar a miña teoría de que na meirande parte das ocasións fai case un século eramos mais modernos do que somos agora. Como mínimo, menos entrometidos. Coma cando lle dixen a Anisia que o meu mellor amigo era homosexual, ao que chea de razón con case noventa anos me contestou: “E a min que me importa! Eu non lle vou a preguntar con quen se deita. El que sexa feliz.”

Agora dádesvos unha idea do que me costou afacerme sen ela. Noites sen durmir que tan só calmaron tras moita axuda. Porque seica todos somos vítimas do medo, do vértigo á inmensidade…da existencia. E hai que ser moi valente para pedir axudala e aceptala. Porque todos os medos son irracionais e é preciso de moito raciocinio para aprender a convivir con eles. De seguro no entorno de cada un de nós atopamos a alguén con mais saúde física ca mental. E é un enfermo, tolos son os que llo chaman. Porque a tolemia adoita ser transitoria, a estupidez eterna. 

E a morte está tan segura do seu triunfo, que nos da unha vida de vantaxe. Por eso é tan necesario tratar de vivila en estabilidade e facer moito diso que nos da paz mental.