Skip to main content
ActualidadeViveiro

O Concello de Viveiro pecha temporalmente a escola infantil polo avance da covid

Por 18 Xaneiro, 2021Sin comentarios

O Concello de Viveiro pecha temporalmente a escola infantil polo avance da covidO Concello de Viveiro acordou o peche temporal da Escola Infantil Municipal a partir de mañá, martes 19 de xaneiro e ata, mínimo, o 31 de xaneiro. O goberno municipal tomou esta decisión como medida preventiva, dada a situación epidemiolóxica de Viveiro.

As últimas probas realizadas detectaron casos de COVID-19 en usuarios/as da escola infantil municipal. O último dos casos positivos do centro detectouse onte, domingo, polo que dende entón xa están confinados unha aula de dez cativos/as e mais a súa profesora. Tras a valoración por parte do goberno local coa dirección do centro, tendo en conta que se trata de nenos/as moi pequenos que non empregan máscara, decidiuse que o máis acertado sería proceder a este peche temporal.

Dende o goberno local insisten en que este peche é unha medida necesaria, tendo en conta a situación sanitaria do municipio e as características da escola, que acolle a nenos e nenas de 0 a 3 anos. Con esta medida, o goberno local pretende garantir a seguridade dos usuarios/as e traballadores/as da escola e velar pola seguridade e saúde pública.

O Concello de Viveiro adoptou esta decisión xa que ten competencias sobre a escola infantil, que é un servizo municipal. Con respecto aos colexios de infantil e primaria, o goberno local non ten competencias xa que dependen da consellería de Educación.

O peche temporal está previsto, inicialmente, do 19 ao 31 de xaneiro de 2021. Con anterioridade ao día 31, o goberno local valorará a necesidade de prorrogar da suspensión, en función da situación epidemiolóxica nese momento.