Burela volve suspender as escolas deportivas ante o avance da covid

A Concellería de Deportes anuncia que quedan suspendidas, ata novo aviso, as escolas deportivas municipais debido ás novas restricións establecidas pola Xunta, que van entrar en vigor mañá, xoves. A poboación volveu abrilas a mediados de decembro tras outro peche durante a segunda vaga.

O edil de Deportes, Ramiro Fernández Rey, dixo que “desde a Delegación de Deportes do Concello de Burela queremos anunciar que, debido ás restricións que nos están impoñendo unha vez máis desde a Xunta de Galicia, nos vemos na obriga de suspender temporalmente as escolas deportivas municipais. Como xa fixemos o pasado mes de outubro temos que insistirlles aos pais que estean tranquilos con respecto ao pago que fixeron por estas escolas porque miraremos ou ben de devolver os cartos, intentar ampliar o prazo das escolas deportivas ou incluso buscar unha actividade alternativa que poida compensar esta nova parada obrigada polo coronavirus”.

Ramiro Fernández Rey lembrou que “cando se iniciaron as escolas xa contemplábamos esta posibilidade, xa os pais estaban informados de que podía pasar e efectivamente está pasando, pero que teñan a tranquilidade de que non van ter ningún tipo de perda en ningún aspecto, e que en canto poidamos reanudalas o faremos”.

O concelleiro burelés pide “moita responsabilidade a toda a poboación para tentar que os contaxios por covid19 non vaian a máis en Burela e así poder ir recuperando pouco a pouco todas as actividades que agora se ven afectadas por este novo peche perimetral”.

Etiquetas

A %d blogueros les gusta esto: