Skip to main content
ActualidadeFoz

Comezan hoxe as xornadas ImpulsaFoz dedicadas ao chícaro

Por 21 Xaneiro, 2021Sin comentarios

Comezan hoxe as xornadas gastronómicas ImpulsaFoz coas dedicadas ao do chícaro. O alcalde, Fran Cajoto, explica: “recordamos así a festa do berberecho, un evento que se celebraba nestas datas e ao que acudían moitos veciños e veciñas de Foz e doutros lugares para degustar este riquísimo molusco”.

O rexedor municipal engade que “a seguinte fin de semana recordaremos o San Blas a través da tapa dos callos; xa metidos en Entroido teremos tapas de cocido; e tamén haberá as xornadas da cociña afrodisíaca, que xa viña realizando a ACIA local nos últimos anos coincidindo co día de San Valentín”.

Fran Cajoto destaca que “todos aqueles veciños e veciñas que acudan aos locais participantes, de xoves a domingo, poderán degustar unha tapa de chícaros ou mercar racións para levar e participarán no sorteo de 2.000 euros en vales de 50 euros para gastar nos propios locais de hostalería ou nos comercios focenses. Cada fin de semana sortearemos 10 vales de compra entre os consumidores”.

O alcalde indica que “a situación de pandemia fai reinventarse e as restricións impostas pola Xunta e as que poderán vir nun futuro próximo non poden ser un impedimento para poder gozar da nosa gastronomía e de paso recordar as festas que nestas datas se viñan realizando. Trátase de facer un guiño ás nosas festas e á nosa gastronomía, pero sempre con sentidiño, mantendo todas as medidas de seguridade e apostando por un consumo seguro, como non pode ser doutra maneira nestes tempos”.

O Concello de Foz agradece a colaboración dos locais participantes: Anduriña, Dandy, Funcional, O Lar, Casa Damián, O Pelolo, As Brasas, May Ros, O Descanso, O Happy, Porto Chico, O Acuario e Xoiña. “Non é unha lista cerrada e aínda se poden sumar a esta iniciativa outros establecementos, de cara a este ou ás próximas fins de semana”, remata Cajoto.