Skip to main content
ActualidadeCervo

Renovan o pavillón do Ceip de Cervo

Por 21 Xaneiro, 2021Febreiro 19th, 2021Sin comentarios

O Ceip de Cervo conta cun pavillón renovado logo dun investimento de 28.000 euros, dos cales 15.000 foron aportados pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación, e a cantidade restante polo Concello de Cervo.

Os edís de Educación e Deportes, Dolores García Caramés e David Rodríguez, respectivamente, achegáronse ata as instalacións, onde, acompañados polo director do centro, Manuel Martínez, e polas responsables da ANPA, puideron comprobar o resultado dos traballos que se realizaron nas últimas semanas e que consistiron na rexeneración do pavimento, selado de gretas e a aplicación dun acabado satinado, así como na marcaxe das liñas de fútbol sala, voleibol, tenis, baloncesto e balonmán na pista polideportiva.

Esta nova actuación vén sumarse á recente renovación integral acometida no centro pola Administración autonómica, “que respondeu de xeito inmediato ás demandas municipais”, priorizando esta intervención en Cervo entre máis de 1000 centros de ensinanza de toda a Comunidade; “xa que o noso CEIP foi un dos 22 colexios rehabilitados pola Xunta ao amparo dos fondos de superávit, cun investimento no noso caso de preto de un millón de euros que nos permite dispor dun centro moderno e completamente renovado”, o que garante tamén a continuidade no futuro deste colexio, cuxa inauguración data do ano 1983.

Con esta nova actuación no pavillón, o alumnado do CEIP de Cervo dispón dunhas instalacións perfectamente acondicionadas para a práctica deportiva, fundamental para o desenvolvemento físico e mental das crianzas.