O PP do Valadouro critica a “inactividade” do alcalde sobre o polígono

O voceiro do PP do Valadouro, José Manuel Lamela, “destapou” na sesión plenaria celebrada este mércores “as mentiras do alcalde socialista en relación á construción do polígono industrial que supoñen o atraso para a súa implantación no noso concello”. O popular lamenta que “despois de oito anos prometendo o polígono para xa, o alcalde aínda non ten nada feito; tal e como recoñeceu no pleno despois de dar moitas voltas”.

Lamela sinala que “o goberno local aínda non ten solicitado ante o Instituto de Vivenda e Solo o cambio de emprazamento que eles mesmos propuxeron”. O popular explica que é preciso solicitalo formalmente para que sexa recollido polo plan de sectorización do parque empresarial do Valadouro e, “unha vez aprobada a substitución da localización no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia, poderase tramitar a modificación das normas subsidiarias e complementarias de planeamento do Concello para clasificar a nova zona como solo apto para urbanizar de uso industrial”.

O voceiro dos populares no Valadouro incide en que “o PSOE mentiu no seu último programa electoral onde sinalaba que fora aprobada a modificación puntual das normas urbanísticas en decembro do 2018. Non é certo porque primeiro é necesario tramitar o cambio da área delimitada pola creación dun emprazamento diferente ante o IGVS para cumprir co que establece o Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia”.

Lamela lembra que “o plan de sectorización do parque empresarial foi aprobado inicialmente no 2009, na etapa do anterior goberno que deixou encamiñada a tramitación de cara á construción do polígono”. Os socialistas propuxeron unha nova ubicación pouco despois de chegar ao goberno e “os trámites non avanzan; senón que teñen que volver para atrás. Iso a pesar de que o Concello comprou os terreos novos que incluso apoiamos dende o Grupo Municipal Popular co obxectivo favorecer a implantación de solo industrial no noso concello”, conclúe.

ALCALDE

O alcalde, Edmundo Maseda, afirma que o proxecto para o futuro polígono segue avanzando aínda que están pendentes varios informes, un sería o de telecomunicacións e o outro o que está ao cargo de Augas de Galicia.

Etiquetas

A %d blogueros les gusta esto: