Ugía, A Pedreira, volve á canción

A artista nacida en Vilaronte retoma a súa carreira musical, faino por primeira vez en solitario e representando os seus poemas

Por Claudia López

Son moitos os substantivos que se lle poden adxudicar á mariñá Ugía Pedreira. Psicóloga de carreira, artista de sentimento e profesión, activista cultural e, por suposto, non cabe esquecer a categoría de nai. Nai de Lúa e nai de tantas e tantas creacións que transforman as figuras tradicionais da arte, como ela mesma di, “para construír algo xenuíno na música”.

A cantautora criada en Vilaronte (Foz), séntese unha “apaixonada do patrimonio material e inmaterial da Mariña”, pero dóelle do mesmo xeito “a destrución do seu solo e das súas xoias arquitectónicas”. Asegura que, dende cativa nesa aldea lucense, sentía que lle facía ben cantar e facelo sobre o que escribía: “construía a miña propia escena musical, soíña, na parte detrás da casa patrucial , entre soños, e dáballe forma e saída aos pensamentos a través da arte escénica que tamén é a música”.Tanto lle acompañou ese sentimento, que agora ten editados 11 discos con diferentes agrupacións e percorreu o mundo cos seus sons e obras. Para ela, cada disco “vai sendo un espello do que vivo”. 

CARREIRA MUSICAL. O grupo Marful cobra un peso especial na súa traxectoria. Xunto con Marcos Teira, Pedro e Pablo Pascual lanzan o seu primeiro álbum en 2010, unha creación “con gran carga poética e musical que pode ter estela duradeira”. De feito, unha das súas cancións, Tris-Tras, foi representada por outra galega, Sabela Ramil, nun programa de tirada nacional. Un feito que para Pedreira é “unha honra”. “Cantar en galego, catalán ou éuscaro na tele que pagamos todos e todas é insólito. Causar molestia inda que sexa a mínima, é case un acto revolucionario na horda da libre expresión dos medios de comunicación”, engade a compositora.

Coa banda Chouteira, a mariñá lanzouse á música tradicional “con letras conscientes” e, con Nordesinas, puxo en valor as cancións populares da súa infancia. A súa conexión con Cuba fíxolle investigar sobre a música galega do lugar. Colaborou co Instituto de Artes de La Habana creando unha obra enunciada en libro, CD, DVD e espectáculo: Descarga ao Vivo. Da súa estancia no país sudamericano tamén naceu a xira de Acrobata con Fred Martins, Dentro da súa traxectoria artística tamén destacan colaboracións en diversas bandas sonoras e con grupos nacionais e internacionais, ademais de representar variadas performances encima dos escenarios. Pero, dentro todo isto, ela di que se queda “coas persoas que me atopei no camiño, as que me quedan preto e así é preciso, para facer relucir a miña función. Gústame axudar nisto e gústame que me axuden nisto, é o lugar seguro e feliz de crecemento”. 

ACENTRAL FOLQUE. A iniciativa de Ugía non quedaba relegada só ao traballo nos teatros e nas salas de concertos, a lucense emprendeu no ano 2000 a creación do Conservatorio de Música Tradicional e Folque (CMTF) en Lalín. Tal e como di, “ o proxecto tiña como eixo fundamental a construción dun mundo mellor a través da música galega”. Por cuestións políticas o CMTF mudou no ano 2008 para Santiago de Compostela, converténdose en aCentral Folque. Unha experiencia que á Pedreira lle supuxo que “a política entrase de cheo na miña vida consciente. Comprendín a relevancia da cultura na política e metín as mans na masa, completamente”. Dende a creación do centro en Lalín e despois en Santiago de Compostela, chegou alumnado de Galicia, Asturias e Portugal, e expertos de diferentes universidades do mundo. Ugía abriu así “espazos escénicos anteriormente non empregados coma tal, novos carreiros e visións para empuxar e orixinar cambios no oficio de músico, sobre todo pensando na educación de novas canteiras”.

MATERNIDADE. A cantautora fixo unha parada no seu camiño sobre a escena cando deu a luz a súa filla Lúa. A chegada da nena, con parálise cerebral e microcefalia severa, supuxo que a súa vida cambiase de xeito radical. “Como é que te acompañe a parálise cerebral? Traballar, discorrer, explorar, errar, confiar e conseguir un máster en paciencia.  A tódalas horas. E ter xente arredor que comprenda e apuxe. Manter a saúde éche a cuestión. Floto no misterio do labirinto e durmo na alerta. Con sorte ir vivindo, morrendo e aprendendo”, conta así Pedreira a súa experiencia e fai tamén queixa do respaldo do Estado ante estas situacións: “Economicamente é riseiro e unha vergonza o apoio social. Recursos que protexan en situacións de risco non están resoltos nin contemplados con seriedade”.

Tras o seu parón a artista mariñá volveu aos teatros en 2018, co espectáculo Enredadas: coplas e alalá. Na obra compartía camerino con artistas do nivel de Martirio, Carmen París e Uxía. Unha vivencia que a lucense recorda de xeito moi agradecido: “amei compartir con outras mulleres cantoras, foi unha re-entrada no escenario cariñosa, abrazada, onde puiden volver saborear as pintadas de antes e despois dunha actuación”.

A súa experiencia con Lúa tamén a levou a abrir a Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento, un proxecto que comparte con Marina Oural, dende o cal traballan na “arte como saúde dende a diversidade funcional e artística”. A oficina axuda a proxectos doutros profesionais tanto na posta en escena como na composición, creando temas de comunidade e apostando pola coreografía social como canle para o ben común. Tamén se manteñen ao pe do canon coas súas propias creacións e recentemente impulsaron a Rede Aldear de fogares rurais de Lugo e Ourense.

ÚLTIMOS PROXECTOS. Agora, retoma a súa carreira musical e faino por primeira vez en solitario baixo o nome de A Pedreira. Tras rematar o seu “relato de cancións e poemas para mostrar”, Ugía elixiu darlle forma cun grande equipo para levar esas verbas ao teatro: “Pierre colaborando comigo na música, Xavier Belho na plástica en pantalla, Marina Oural na escénica, Alberto Casas nas luces e Xurxo Pinheiro no son”. “O espectáculo navega entre o típico concerto, a performance, o recital poético ou o teatro musical”, explica a cantautora sobre este novo proxecto no que reflexiona sobre o significado da escritura. “A fórmula matemática é escrita, a harmonía da música, os petróglifos, a nota no pentagrama, mesmo o movemento é escritura, como me dicía a miña socia Marina Oural ou Bartolomé Fernando”, conclúe.

Ademais desta nova iniciativa, Ugía Pedreira desvela outro novo proxecto: “estes meses de inverno estreo a Casa de Produción Sonora Estudio, para gravar o meu primeiro disco vinculeiro que produce o bretón Pierre-Yves Rougier”.

Malia a difícil situación que está a vivir o sector cultural por causa da pandemia pola covid-19, Pedreira séntese unha afortunada: “no meu caso, dende fai sete anos, non tiven nunca tanto traballo, sete concertos en dous meses, érame impensable un ano atrás”.

Para ela, “a cultura, como a agricultura, leva o santo e sinal da incerteza”, pero para a recuperación do sector é clave “gañar na cooperación real, facer da cooperación un propósito verídico. A competencia xa non é válida, é tóxica, fan falta máis demostracións?”.

Etiquetas

A %d blogueros les gusta esto: