Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

Presentan unha nova ferramenta para xestionar recursos pesqueiros da baixura

Por 23 Xaneiro, 2021Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, presidiu a presentación telemática aos representantes do sector do Atlas da frota de baixura do litoral de Galicia (2000-2018), un documento que, salientou, permite contar cunha foto fixa da realidade das distintas modalidades de pesca de artes menores de Galicia e das súas principais especies obxectivo. Esta ferramenta, engadiu, está a disposición do sector e contribuirá a adoptar as mellores decisións na xestión dos recursos así como a conseguir que a actividade se desenvolva de xeito sustentable e rendible.

Este estudo a fondo da frota de artes menores -que conta con preto de 4.000 embarcacións- é froito do traballo que desenvolve a Unidade Técnica da Pesca de Baixura (UTPB) desde 1999 mediante o embarque de observadores a bordo dos buques pesqueiros -que rexistran os resultados obtidos polos mariñeiros nas súas xornadas de faena- e a análise dunha media de 3.000 lances anuais, unha información que se suma aos datos de vendas nas lonxas ofrecidos pola Plataforma Tecnolóxica da Pesca. Por iso, o atlas ten o dobre obxectivo de dar conta da actividade da UTPB neses 18 anos e tamén ser unha ferramenta útil para a toma de decisións na xestión dos recursos.

Neste sentido, a titular de Mar incidiu en que Galicia aspira a alcanzar un modelo de pesca sostible co que garantir un futuro próspero ás comunidades costeiras e subliñou que este traballo é unha ferramenta máis na busca dese obxectivo. De feito, indicou, contribuirá a mellorar a eficiencia na protección dos hábitats e na conservación dos recursos así como a adoptar mellores medidas na explotación das especies acurtando así a distancia entre as estimacións científicas e as que fai o propio sector.

O Atlas da frota de baixura do litoral de Galicia (2000-2018) analiza en profundidade a actividade extractiva da frota de artes menores, as súas características e as vinte principais modalidades de pesca existentes -como os distintos tipos de nasas ou as artes de enmalle, entre outras- así como a súa evolución. A isto súmase a avaliación en detalle das principais especies obxectivo da frota de baixura -un total de 22 entre as que se atopan o polbo, a centola, a nécora, a sardiña, o xurelo, a pescada ou a vieira- a súa presenza nas distintas zonas do litoral de Galicia e a evolución das súas capturas.

Futuras actualizacións

Trátase dun traballo inxente, destacou Rosa Quintana, que non remata aí pois nos vindeiros anos o atlas actualizarase de xeito constante cos datos obtidos pola Unidade Técnica de Pesca de Baixura desde 2018 ata a actualidade e non incluídos nesta edición así como os que se acaden no futuro. “Temos que seguir traballando co obxectivo de asegurar a sustentabilidade e a rendibilidade da nosa pesca artesanal e este seguimento da actividade é fundamental”, salientou a representante do Executivo galego.

A titular de Mar agradeceu o gran labor realizado por todos os profesionais que participaron de xeito directo ou indirecto na elaboración deste documento e lembrou que traballos coma este contribúen a que na toma de decisións sobre as pesqueiras non se teñan en conta unicamente os aspectos medioambientais senón tamén os económicos e sociais, algo que a Xunta vén defendendo nos últimos anos diante das institucións europeas.