Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXA

A presión hospitalaria dispárase na provincia pola covid

Por 25 Xaneiro, 2021Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

A situación empeora de forma alarmante na provincia en consonancia co que está a acontecer no resto da comunidade autónoma onde se espera un endurecemento das medidas de control do virus.

Este luns o Sergas certifica un total de 1.731 casos activos, 65 máis que onte (na xornada anterior foron 121). Rexistráronse neste tempo 111 contaxios novos (onte foron 157) e as altas chegaron ás 7.454, 56 máis que o sábado (o día anterior foron 50). Aínda que os datos de contaxios son mellores con respecto á xornada anterior seguen sendo moi altos e co condicionamento de corresponder á fin de semana, cando a actualización non é tan inmediata.

Dende que comezou a pandemia, no mes de marzo do pasado ano, hai 9.353 casos rexistrados e 160 persoas falecidas, nas que non se integran os casos de residentes de centros de maiores que faleceron noutras provincias tras ser trasladados.

Pero o que preocupa máis na xornada de hoxe é a presión hospitalaria que aumenta ata datos preocupantes. A UCI do Hula sobe a 15 ingresados, catro máis que onte, mentres nas plantas suman tres casos máis ata os 51 de hoxe. Hai 26 no hospital de Lugo (2 máis), 18 na Mariña (1 menos) e 6 en Monforte (2 máis).

COMARCA

Na Mariña, a zona máis afectada, a do occidente, segue na senda da estabilización aínda que moi lentamente. Viveiro retrocede unha xornada máis ata os 228, 9 casos menos dende onte.  Tamén Xove sugue á baixa e sitúase en 77, un menos que onte. No Vicedo hai tamén un descenso con 26 positivos (tres menos). Neste Concello fíxose o domingo un cribado ao que acudieron 600 persoas que coñecerán os seus resultados entre hoxe e mañá. Tamén á baixa está Ribadeo, con 22 casos, catro menos e Foz mantense en 12. Ourol volve a subir a incidencia ao sumar 10 casos nos últimos quince días.

Pola contra soben os casos en Burela, que ten 52, tres máis; en Cervo, con 18, un máis, e Riotorto con 13, un máis. O resto de concellos mariñaos teñen baixa a incidencia e Trabada é o único sen contaxios de covid na última quincena.

Na Terra Chá, Vilalba continúa subindo por riba da centena con 108 casos mentres na Pastoriza segue remitindo. Tamén preocupa a situación en Outeiro de Rei (15 casos), Begonte e Friol (12 casos) e Castro de Rei con 11.

No sur da provincia é onde a situación segue descontrolada. Monforte e Sarria seguen aumentando contaxios sen control. Agora mesmo no primeiro hai 163 (18 máis que onte) mentres o segundo ten 144 (10 máis que onte), neste caso debido a un gromo detectado na residencia de maiores. Xunto a estes están afectados e en aumento tamén Quiroga con 77 (9 máis), Chantada con 36, Pantón con 21, Bóveda con 12 e Sober con 11 casos. Tamén O Incio acada os dez casos mentres o Saviñao baixa a 21.

No centro, Lugo suma 19 casos máis ata os 298 e destacan os 45 de Palas de Rei, os 19 de Láncara e os 10 de Monterroso e O Corgo.