Skip to main content
ActualidadeRibadeo

Inician os traballos de poda na praia dos Bloques para evitar novos derrubes

Por 26 Xaneiro, 2021Xaneiro 30th, 2021Sin comentarios

A Concellaría de Medio Ambiente comezou os traballos de poda no entorno da praia e do paseo dos Bloques co obxectivo de evitar posibles derrubes. As tarefas realízanse con recursos propios e prolongaranse durante varias xornadas.

O concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Díaz, anunciou que “desde a Área de Medio Ambiente do Concello de Ribadeo empezamos hoxe unha poda exhaustiva de restos vexetais, tanto secos como árbores perigosas, no entorno da praia dos Bloques, tanto no areal como no paseo, pola perigosidade de derrubes porque xa o ano pasado tivemos un desprendemento aí detrás dunhas casas. Ao final solucionouse facendo unha obra no lugar a través do Concello e resolvemos ese problema”.

O edil nacionalista explicou que “para que isto non volva suceder nos recomendaron que fixéramos unha poda o máis exhaustiva posible e que quede o terreo seguro, pero ten árbores moi perigosas, con ángulos de case de noventa grados, que están tirando moito por toda esa contorna”.

Jorge Díaz sinalou que “vai ser todo con recursos propios do Concello, a través da Área de Medio Ambiente. Estes traballos de poda dependen da meteoroloxía. A ver o tempo que nos leva e como se nos vai dando porque hai un traballo bastante grande aí e non sabemos exactamente cando se acabará. Iremos pouco a pouco”.

O concelleiro de Medio Ambiente engadiu que “esta é unha labor que levamos intentando facer desde que empezou o novo goberno e agora, cos permisos xa en regra e na man, podemos actuar”.