Skip to main content
ActualidadeBurelaDeportes AMARIÑAXA

O Pescados Rubén, escollido o mellor club feminino nos FutsalPlanet Awards 2020

Por 27 Xaneiro, 2021Xaneiro 30th, 2021Sin comentarios

O Pescados Rubén Burela FS suma unha ledicia máis aos éxitos de 2020. Tras a conquista da Supercopa de España, Liga e Copa da Raíña, ademais de 4Nations Futsal, agora tamén loce o recoñecemento como Mellor Club Feminino nos FutsalPlanet Awards 2020. A entidade mariñá ten a honra e privilexio de converterse no primeiro gran triunfador na estrea da categoría dos premios, que xa contan cunha traxectoria de vinte e unha edicións, compartindo o nomeamento con equipos de Rusia, Portugal, Ucraína, Brasil, Irán, Italia e Xapón.

O galardón do club laranxa, que o 4 de setembro de 2021 cumprirá vinte anos de traballo, dedicación e devoción polo fútbol sala en igualdade, foi avalado por 523 votos. O luso Sport Lisboa e Leõas da Serra do Brasil completan o podio, con 450 e 428 respectivamente.

Peque e Julio Delgado, segundo posto

O laranxa tamén deixou o seu escintileo nos premios individuais de Mellor Xogadora e Mellor Adestrador Feminino, coa Prata ostentada por Peque e Julio Delgado. A capitá burelista, recoñecida recentemente como MVP da Supercopa de España, volveu á palestra de FutsalPlanet por cuarta vez para obter 478 votos, fronte aos 698 da brasileira Amadinha, triunfadora dende 2014. O cumio do apartado técnico estivo moi rifado, con tan só 17 votos de diferenza, entre a segunda praza do mariñán (432) e a da gañadora, a tamén brasileira Cristiane de Souza.