Skip to main content
Lourenzá

As obras no mosteiro de Lourenzá chegan ata o Parlamento

Por 30 Xaneiro, 2021Xaneiro 31st, 2021Sin comentarios

Diante da problemática xurdida arredor das obras  promovidas pola Dirección Xeral do Patrimonio no Mosteiro de San Salvador de Lourenzá “que leva anos nun deplorable estado de conservación tanto nos claustros coma nos espazos transversais do propio edificio”, o BNG vén de presentar no Parlamento de Galiza unha iniciativa ao respecto a través do deputado mariñao Daniel Castro.

Os nacionalistas recollen así as queixas da sociedade laurentina “que ve con estupor como desde a Dirección Xeral de Patrimonio permiten nesta obra a colocación de materiais coma chapas metálicas como solución para os próximos catro anos nun Ben de Interese Cultural, cando no caso de obras de particulares a supervisión é moito mais estricta”, din.

Desde o Bng laurentino, Áurea Vázquez e Enrique Rocha apuntan tamén que “esta é unha obra de extrema necesidade ao levar varios anos nun penoso estado de conservación,máxime cando é  un BIC, emblema do noso concello, e alberga tamén  o Museo de Arte Sacro, o Museo da Faba, a Oficina de Correos, a Casa Consistorial e mais dependencias civís, pero eso non xustifica que a administración autonómica permita o feito de que se poida reparar un inmoble de tanto valor patrimonial con chapas metálicas e que estas poidan permanecer ata un  período de catro anos”.

Recollendo todas estas preocupacións e demandas, Daniel Castro manifestou que “rpresentamos esta proposición non de lei para que o Parlamento inste á Xunta de Galiza a revisar a elección dos materiais empregados na reforma da cuberta do Mosteiro de San Salvador e reducir o prazo máximo de permanencia de dita reforma de catro anos a dous. Queremos que esta obra se faga o mais rápido posible pero respectando tamén os criterios de intervención marcados pola propia DXP”.