Skip to main content
Burela

O Pleno de Burela someterá a votación o Plan Único e varias obras

Por 30 Xaneiro, 2021Xaneiro 31st, 2021Sin comentarios

Casa do Concello de Burela

O Concello de Burela celebrará pleno o vindeiro 4 de febreiro ás oito da tarde. Na sesión, que será telemática, someterase a aprobación o Plan Único da Deputación dotado con 385.000 euros, dos que 138.000 se destinarán a obras no Camiño Real, á reforma do parque infantil da Marosa e á mellora de beirarrúas. Haberá outras partidas para o servizo de axuda no fogar, para fomento de emprego, para turismo ou para actividades culturais e deportivas. Para políticas de loita contra o covid irán 68.500 euros procedentes do devandito Plan Único da Deputación. Ao pleno da vindeira semana lévase tamén a aprobación inicial o inventario municipal.

O alcalde, Alfredo Llano, dixo que “este é un pleno onde se van levar dúas cuestións fundamentais. Unha delas é a aprobación do Plan Único da Deputación onde se van investir un total de 385.500 euros, dos que se 138.000 se investirán na rehabilitación do Camiño Real, imos asfaltar e arranxar as canalizacións que fagan falta. Imos facer unha actuación integral naquela zona que xa estaba empezando a deteriorarse. Tamén imos rehabilitar o parque infantil na Marosa, que xa está un pouco deteriorado, cremos que debemos atraer á xente, procurar que vaia á Marosa e imos facer un bo parque para tamén darlle un complemento a ese areal. Imos actuar tamén en varias beirarrúas que están xa deterioradas na vila e incluso facer algunha nova”.

Dentro do Plan Único da Deputación “temos 40.000 euros para o programa de axuda no fogar. Ademais queremos activar o emprego a través do programa de Fomento do Emprego que imos tratar que sexa un dos fundamentos da nosa actuación este ano no Concello de Burela. No Plan Único contemplamos a creación de dous postos de socorrista, un auxiliar administrativo, un técnico de turismo, dous conserxes, un peón de obras, un oficial de obras, un posto de dinamizador das redes sociais, que ademais se faga cargo da páxina web, e dous monitores de tempo libre. Son once postos, un máis que o ano pasado. Así queremos favorecer o emprego a través dos investimentos e todo aquilo que nosoutros poidamos aportar para que iso sexa unha realidade”, explicou o rexedor burelés.

Llano engadiu que “temos ademais o programa de actividades culturais que abarcan a Feira do Libro, o certame internacional de pintura Amarte e o certame galego de vídeo clips de centros de ensino de música, queremos favorecer á nosa Escola de Música e promocionala a través desta nova iniciativa. Nas actividades deportivas temos a V Carreira Popular Burela Bonita, que esperemos que se poida celebrar este ano, o torneo de fútbol sala Héroes do Orzán e o VI Torneo da Marosa Cup. Imos tratar de ser coherentes con nosoutros mesmos e promocionar o deporte o máximo posible. Tamén temos o programa de actividades turísticas, no que imos investir sobre todo no programa de Xeorutas de Burela, e temos unha achega á administración electrónica que é fundamental dado que hai que empregar as novas tecnoloxías no Concello. Temos ademais unha partida para Protección Civil de 1.500 euros”.

O alcalde burelés subliñou que “temos un apartado específico para o Covid. Imos ter máis achega unha vez que se aproben os orzamentos, pero en principio do Plan Único van 68.500 euros aproximadamente. O Plan Único imos aprobalo o día 4, espero que non haxa ningún problema para que isto saia adiante e poñernos a traballar o antes posible en todo aquilo que se poida. Na orde do día tamén está a aprobación inicial do inventario municipal. Imos informar das alegacións e trataremos de aprobalo inicialmente ese día”.