Skip to main content
Burela

Adxudican as obras da nave de redes de Burela

Por 2 Febreiro, 2021Febreiro 3rd, 2021Sin comentarios

A Xunta vén de publicar na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia a adxudicación das obras de acondicionamento da nave de reparación de redes do peirao norte do porto de Burela, por un importe de 267.000 euros.

Os traballos suporán unha reforma integral das instalacións e teñen un prazo de execución de tres meses. O proxecto prevé a renovación completa da envolvente da edificación, tanto da cuberta como das fachadas, así como a substitución das instalacións de electricidade, alumeado e fontanería.

Para corrixir as actuais deficiencias que presenta este espazo, está previsto cambiar a chapa metálica da cuberta, incluídas novas baixantes e canlóns para evacuar as augas pluviais; e tamén a da fachada, que será substituída por paneis prefabricados de formigón armado.

Ademais, favorecerase a iluminación natural coa instalación dun lucernario na cumbreira e paneis translúcidos na parte alta das fachadas laterais. Tamén se mudarán as portas de acceso por outras corredizas e sanearase a estrutura mediante tarefas de limpeza, desoxidado e pintado. Na zona central habilitaranse un aseo e un almacén.

A nave ocupa un edificio de planta baixa situado na zona de atraque das instalacións portuarias de Burela e é empregada pola confraría de pescadores como local de almacenamento e reparación de redes.