Skip to main content
Viveiro

O Concello de Viveiro recibiu 26 solicitudes de acceso ao casco histórico

Por 3 Febreiro, 2021Febreiro 4th, 2021Sin comentarios

A ordenanza que ten como obxectivo regular o tráfico dentro do casco antigo de Viveiro entrou en vigor o pasado 25 de xaneiro, tendo en conta que se considera peonil na súa totalidade e que actualmente está protexido polo Plan Especial de Protección Interior (PEPRI), ao tempo que se regulan os accesos necesarios para residentes, usuarios de garaxes, titulares de establecementos comerciais, repartidores, obras e demais supostos recollidos na mesma.

Esta normativa faise coa pretensión de mellorar e dotar de maior seguridade a todas aquelas persoas que transitan polo interior do casco antigo, en cuxo interior residen moitos veciños e veciñas e están ubicados numerosos establecementos comerciais.

O concello quere que se rehabiliten máis vivendas e iso implica regular o acceso para a execución das obras; estes e os demais supostos que poden motivar a necesidade de acceder con vehículos ao casco antigo quedan regulados nesta ordenanza, establecendo para cada caso os requisitos esixidos e as condicións para o acceso.

Grazas a esta ordenanza, veciños e visitantes poderán transitar polo casco de Viveiro, sabendo que o acceso de vehículos está regulado e restrinxido a unhas determinadas franxas horarias, salvo excepcións ou emerxencias.

Dende a súa entrada en vigor presentáronse un total de 26 solicitudes, correspondentes aos seguintes distintivos:

  • Distintivo R, Residentes:8
  • Distintivo D, Reparto: 4
  • Distintivo DP, Panadaría:1
  • Distintivo EC, Comercio: 1
  • Distintivo RR, Reparto de comida e medicamentos:2
  • Distintivo MR, Mobilidade Reducida:3
  • Distintivo S, Servizos Esenciais:3
  • Distintivo O, Obras: 2
  • Distintivo EX,extraordinario: 2

Por parte do goberno municipal lémbrase que para poder acceder con vehículos é preciso solicitar o correspondente Dispositivo de Acceso Restrinxido, segundo os distintos supostos recollidos na ordenanza. Neste sentido, prégase que os interesados soliciten estes distintivos o antes posible e que leven consigo a copia da solicitude cando circulen polo interior do casco antigo en tanto non dispoñan da autorización e do propio distintivo.

Durante as primeiras semanas a Policía Local realizará unha labor de información e concienciación para a adaptación íntegra ao establecido nesta ordenanza, pero é necesario que todas aquelas persoas que acceden ao casco soliciten esta autorización á maior brevidade posible.