Skip to main content
Trabada

Trabada mellora a eficiencia enerxética da gardería e a cámara agraria

Por 3 Febreiro, 2021Febreiro 4th, 2021Sin comentarios

Reunión telemática entre a alcaldesa de Trabada e a subdelegada de Goberno

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e a alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez, mantiveron hoxe unha xuntanza telemática na que anunciaron que o Goberno e o Concello colaboran nun proxecto para mellorar a eficiencia enerxética nos edificios da gardería e a cámara agraria. Esta actuación suporá un investimento total de 90.671 euros.

A subdelegada destacou que o proxecto do Goberno municipal de Trabada conta co respaldo do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle concedeu unha achega de 69.513 euros ao Concello para levar a cabo este proxecto. Ademais, Isabel Rodríguez felicitou á alcaldesa de Trabada pola sensibilidade que demostra ao poñer en marcha unha iniciativa que redundará na redución de emisións contaminantes no municipio.

Para a alcaldesa, o apoio económico do Ministerio é moi importante pois axudará a acometer unha actuación moi relevante e necesaria para Trabada, que contribuirá á conservación do medio ambiente ao tempo que permitirá importantes aforros á economía municipal.

Mayra García explicou que o proxecto suporá o cambio de cubertas e xanelas nos edificios da gardería e da cámara agraria. Esta actuación permitirá un aforro anual de máis de 6.000 euros na factura enerxética polo gasto en calefacción que desembolsa o Concello e, ademais, repercutirá favorablemente no medio ambiente porque se logrará unha redución do 30% nas emisións de CO2 á atmosfera.

O proxecto do Concello de Trabada será financiado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do IDAE, e polo Concello de Trabada que tamén se fará cargo da execución das obras. A licitación está prevista para o primeiro trimestre deste ano.