Skip to main content
Foz

O PP de Foz pedirá no Pleno axilizar os trámites para a nova depuradora

Por 4 Febreiro, 2021Febreiro 5th, 2021Sin comentarios

“A mellora do tratamento das augas residuais é condición necesaria para o coidado do medio ambiente. En Foz, a construción da nova estación depuradora de augas residuais (Edar) será decisiva nese sentido”, din dende o PP de Foz, que tamén anuncian, por medio do concelleiro Antonio Hermida, que presentarán unha moción no Concello para instar a Costas a axilizar o informe sobre a nova depuradora.

O concelleiro Hermida sinala: “O Partido Popular sigue liderando as xestións para avanzar na tramitación da nova depuradora de Foz, na Granda de Forxán, no límite con Fazouro. Mostramos a nosa satisfacción porque a Xunta incluíu nos orzamentos do 2021 unha primeira partida de 2,5 millóns de euros, dun total de 8 millóns, para avanzar e poder licitar o proxecto e  a obra. Dado que o bipartito focense non informa aos grupos da corporación dos pasos que se están a dar,  o PP de Foz interesouse  na Consellería de Infraestruturas por como vai a tramitación e tamén para agradecer o compromiso do goberno galego en relación a esta infraestrutura hidráulica”.

Hermida explica: “Segundo nos informaron a finais do ano pasado, o anteproxecto  está pendente dos informes sectoriais de Costas, do Estado, que,  á vista da experiencia do Partido Popular coa xestión do PXOM, pode alongarse máis do previsto a tramitación dese permiso. Por todo iso e co Goberno de España tramitando a Lei de Cambio Climático, que afecta no seu artigo 18 ás concesións nas zonas marítimo terrestres, o Partido Popular de Foz rexistrou unha moción a semana pasada para instar no pleno de hoxe, xoves, a Costas a axilizar este informe”.

A idea dos populares, que, coa axuda de Foz Plataforma de Futuro, impulsaron o cambio da depuradora do porto para a Granda de Forxán (coa oposición do PSOE e do BNG) é facer de dinamizador na corporación municipal deste proxecto, dado que non confía na vontade do bipartito focense neste sentido.

Antonio Hermida di: “Diante do inmobilismo e desinterese do PSOE e do BNG de Foz, que agora no goberno teñen que contradicir  as súas promesas electorais de cambiar de ubicación a nova depuradora, o PP sigue coa iniciativa que sempre tivo de solucionar os problemas e molestias que causa a actual depuradora no centro urbano. Proba desa desidia do goberno municipal é que leva meses sen convocar a comisión de seguimento e sen anunciar aos afectados os avances da Xunta de Galicia; tamén solicitaremos no pleno que se convoque á mesma para  informar da situación actual aos grupos políticos e as asociacións de veciños”.