Skip to main content
Foz

O Concello de Foz pon en marcha 5 desfibriladores

Por 7 Febreiro, 2021Sin comentarios

Membros de Protección Civil cos desfibriladores

O Concello de Foz acaba de poñer en funcionamento cinco desfibriladores semiautomáticos para utilizar en caso de parada cardíaca e impartiu un curso sobre o seu uso para traballadores municipais.

A concelleira de Sanidade, Milagros Louzán, explica que o Concello “fixo este investimento en cardioprotección porque sabemos que pode salvar vidas. Os últimos estudos din que na provincia de Lugo falecen 300 persoas ó ano de morte súbita por parada cardíaca; e nestes casos cada minuto que pasa redúcese un 10 por cento a probabilidade de recuperación”. E lembra que “cando estaba na oposición o actual concelleiro de Comercio e Turismo, Chema Linares, redactou unha moción para transformación de Foz en espazo cardioprotexido. Cando redactamos o noso programa electoral reflectimos nel esta demanda porque queremos que o noso pobo chegue á taxa de 10 desfibriladores por cada 10.000 habitantes”.

Milagros Louzán engade: “ata agora no Concello de Foz dispoñiamos dun desfibrilador situado no Pavillón Torques, de Marzán, pero este aparato non estaba dado de alta, non contaba con vitrina, nin con sinaléctica, nin con todo o material funxible que a lei esixe para un aparato destas características. Ademais ningunha persoa contratada polo Concello tiña o curso para utilizalo en caso de emerxencia. Por outra banda Protección Civil conta con dous desfibriladores, pero a un deles falláballe a batería e ambos necesitaban dotación de material funxible e mochilas para gardalos axeitadamente. Entón nunha primeira intervención puxéronse a punto os que xa tiñamos: colocáronse a sinaléctica e a vitrina no Pavillón Torques, de Marzán, e repuxéronse todos os materiais funxibles necesarios. Con respecto ós desfibriladores de Protección Civil comprouse unha batería nova, repuxéronse os funxibles que faltaban e compráronse as mochilas para levar os desfibriladores e o material auxiliar. Por outra banda compráronse dous DESA (desfibrilador externo semiautomático) e todos os elementos que a lexislación vixente esixe para o seu rexistro (segundo xogo de parches, rasuradores, tesoira cortaroupa, kit guedel e xogo de gasas)”.

A concelleira de Sanidade tamén destaca que se impartiu o curso necesario para o uso do desfibrilador a traballadores do Concello, no que  participaron a Policía Local e o encargado do Pavillón Torques, de Marzán. “Gustaríame salientar a boa disposición destes traballadores para asistir a este curso, tendo en conta que se celebrou o 28 de decembro pola tarde. Non só non se queixaron senón que mostraron en todo momento moitas ansias de facer o curso e axudar a salvar vidas. Cónstame que viviron moitas situacións de tensión con paradas cardiorespiratorias que tentaron reanimar e non todas acabaron cun final feliz. A todas elas e a todos eles quero transmitirlles a miña máis sincera admiración e o meu recoñecemento”.

En canto ao destino dos desfibriladores Milagros Louzán explica que “un deles será, obviamente, para o coche da Policía Local pois chega en moitos casos incluso antes que o 061 a situacións de parada cardiorespiratoria e recibiron o DESA como un auténtico regalo. O outro colocarase no Campo de Fútbol de Malates, aínda que, como é portátil, cando non haxa competicións neste campo poderase levar a outros eventos deportivos”.

Ademais a edil anuncia que “a intención deste goberno é seguir comprando DESA ata conseguir chegar á ratio de 10 desfibriladores cada 10.000 habitantes. Ademais consideramos de gran importancia a formación das persoas usuarias dos lugares onde están colocados estes aparatos. Queremos seguir impartindo cursos de formación nos que participen persoas responsables dos clubs deportivos do noso pobo. Coa actual situación COVID isto é complicado, pero estamos seguros de que todo pasará e que os clubs volverán adestrar; e nese momento nós proporcionarémoslles a todos os que queiran a formación para a utilización do DESA, esperando que nunca a teñan que poñer en práctica”.

Desde a Policía Local focense o xefe en funcións, Candido Lestegás, manifesta que “é unha ferramenta máis para mellorar a atención ao cidadán porque xa tivemos varios casos de xente que se esvaece na rúa e nós chegamos antes que a ambulancia en moitas ocasións. Somos case sempre os primeiros en chegar as emerxencias e por iso é de utilidade”.

E o presidente da agrupación local de Protección Civil, Santos Marqués, destaca que “no caso dunha persoa en parada cardíaca se temos un desfibrilador hai posibilidade de sacalo adiante e polo tanto a importancia é moita”.