Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

Os distribuidores da hostalaría manifestáronse hoxe en Burela

Por 8 Febreiro, 2021Sin comentarios

Participantes na manifestación, en Burela

Uns 70 vehículos (camións, furgonetas e turismos de comerciais) de empresas distribuidoras de hostalaría e alimentación da Mariña participaron hoxe, luns, nunha manifestación celebrada en Burela para reclamar axudas das administracións.

A caravana percorreu a rúa Arcadio Pardiñas, despois foi ata o porto e rematou na Praza do Concello, onde colocaron un palet coas súas reivindicacións: liquidez urxente, ERTES ao 100%, condonación de impostos, bonificación para os combustibles e axudas compensatorias.

Esta mobilización foi convocada pola Asociación de Distribuidores de Hostalaría e Alimentación da provincia de Lugo (Adislugo) “para darlle visibilidade á situación que estamos sufrindo e reivindicar a necesidade urxente que teñen as nosas empresas e os nosos traballadores e familias de recibir axudas directas”.

Desde o colectivo explican que “o ánimo desta manifestación non é, nin moito menos, posicionarnos en contra das restricións sanitarias, as cales dende esta asociación entendemos necesarias dada a delicada situación que estamos a vivir. Non obstante o que si reclamamos é acompañar esas medidas dunhas axudas que permitan sobrevivir ao tecido empresarial lucense, minimizando así o altísimo risco de peche de numerosas empresas da provincia. Neste sentido clamamos por un financiamento óptimo e sen xuros, créditos sen avalar por sociedades de garantía recíproca e a fondo perdido, como xa acontece noutros países do entorno, manter a subvención dos ERTE ao 100%, así como a redución de impostos como son o IBI, IAE ou taxas de recollida de residuos. Todo isto permitiríanos contar cunha liquidez imprescindible hoxe en día”.

A asociación engade: “somos conscientes de que un dos nosos problemas é ser un sector descoñecido para a sociedade, aínda que xeramos milleiros de empregos na provincia de Lugo. Agora temos a oportunidade de reivindicarnos. Somos empresas que contribuímos á riqueza das nosas comarcas, dando vida a talleres, tomadores de seguros, xestorías e un longo listado de empresas locais, aportando centos de postos de traballo e pagando impostos nos nosos concellos. Tamén é importante sinalar que somos a principal forma de financiamento dos nosos clientes, os locais hostaleiros e de ocio nocturno, o que conleva que a nosa debilidade financeira poida repercutir negativamente nun porcentaxe elevadísimo do emprego da provincia. Por todo isto animámoste a unirte á nosa reivindicación, para loitar por estas cuestións que semellan esenciais e necesarias para a economía da nosa comarca, da túa comarca”.