Skip to main content
Mondoñedo

Abrindo Camiño de Mondoñedo organiza unha peregrinación a Terra Santa

Por 18 Novembro, 2022Novembro 19th, 2022Sin comentarios

A Asociación Abrindo Camiño de Mondoñedo organiza unha peregrinación a Terra Santa que inclúe visitas a Belén, Nazaret e Xerusalén, así como outros puntos relacionados coa vida de Jesús e da súa paixón e morte.

A concelleira do Camiño, Patricia Otero, fixo entrega de dúas réplicas da Catedral de Mondoñedo, ao coordinador da iniciativa, Luís Fernández Ansedes, do colectivo Abrindo Camiño de Mondoñedo, para que lles sexan entregadas ás autoridades coas que manterán encontros oficiais.

Grazas a esta iniciativa, máis de medio centenar de membros de nove asociacións de amigos do Camiño de Santiago de Asturias e Galicia poderán coñecer entre os días 21 e 28 de novembro os lugares que percorreu o Apóstolo Santiago.

Durante a semana de estancia en Israel manterán encontros co custodio de Terra Santa e co Patriarca de Xerusalén. Aproveitarán a súa estancia para visitar á peregrina Carlota Valenzuuela, que ao longo deste ano estivo peregrinando desde Fisterra a Xerusalén. Ao mesmo tempo, participarán en varias accións de promoción do Camiño de Santiago.

As asociacións participantes serán a mindoniense Abrindo Camiño, organizadora da viaxe, a Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, Vía da Prata” de Ourense, Asturleonesa de Oviedo, Astur-galaica do Interior de Tineo, APECAN de Ribadesella, Asociación de Grao, O Acivro de Cangas del Narcea e a de Siero, Noreña e Sariego.

Contan tamén coa colaboración de Mari Carmen Furelos, directora da hospedería San Martín Pinario de Santiago de Compostela, e da axencia Rosalen Peregrinacións. Mantivéronse contactos coa Xunta de Galicia e co Principado de Asturias para a promoción e difusión dos itinerarios do Roteiro Xacobeo en ambas as comunidades nos lugares Santos de Israel.

O colectivo xacobeo, á parte da promoción das peregrinacións a Compostela, teñen como obxectivo compartir vivencias e estreitar lazos entre as diferentes entidades que traballan, de forma altruísta e voluntaria, no mantemento e difusión do Camiño de Santiago.