Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

Alfredo Llano, agarda que a nova A-74 teña enlace co Hospital da Mariña

Por 28 Xaneiro, 2022Sin comentarios

O alcalde de Burela, Alfredo Llano, dixo que é unha boa noticia o anuncio da construción da A-74 entre Burela e Foz e xa falou con Fomento para que esta vía conte cun enlace co Hospital Público da Mariña.

Alfredo Llano manifestou que “é unha boa noticia que se comece agora polo menos desde Foz ata Burela. É un tramo de nove quilómetros, pero que vai mellorar a seguridade e aportar un valor a todo o litoral da nosa comarca. É unha solución xa moi agardada que debe servir para impulsar con todas as garantías tanto a comarca da Mariña como todo o que enlaza esta zona”.

O alcalde engadiu que “xa temos falado con Fomento sobre como vai repercutir esta autovía no noso concello. Xa temos acordado con eles os enlaces que vai haber e queremos un na rotonda que hai preto do Hospital Público da Mariña porque hai que darlle facilidades á xente que pode vir con urxencia a ese centro hospitalario. Pensamos que hai que ter en conta esta petición do noso Concello para favorecer que as entradas e saídas sexan moi fluídas e estean ben situadas en Burela”.

CARACTERÍSTICAS TÉCNICAS

A lonxitude do tramo obxecto do Proxecto de Trazado é de 9.2 km, ao que hai que engadir a conexión provisional na ligazón de Foz que ten unha lonxitude de 1.6 km. Terá tres enlaces: Burela, Cangas e Foz (este último proxectado parcialmente como conexión provisional); e dispoñerá de 18 estruturas: 6 viadutos, 5 pasos superiores, 3 pasos inferiores e 4 muros, destacando o viaduto sobre o río Ouro de 660 m de lonxitude.