Skip to main content

Por Pablo Veiga

Vai por dezasete anos desde que se publicou no Boletín Oficial do Estado (B.O.E.) a chamada Lei de Dependencia.

A súa entrada en vigor significaba recoñecer uns dereitos subxectivos a aquelas persoas que precisasen de apoios externos na súa cotidianeidade, garantíndolle o acceso a servizos tales como residencia, centro de día ou atención no domicilio; así mesmo, existía a posibilidade de obter unha prestación económica porque se daban as circunstancias que a persoa dependente estaba a ser atendida no entorno familiar. Foi esta última a que colapsou os servizos sociais dos concellos daqueles primeiros meses, xa que era o obxectivo da inmensa maioría das solicitudes presentadas. Lembrámolo ben aqueles que nos tocou realizar as correspondentes tramitacións dos cidadáns que non disimulaban o seu excepticismo sobre se chegarían ou non a beneficiarse das denominadas libranzas que se anunciaban. Non foi sen tempo, pero paseniño empezaron a chegar as primeiras resolucións, nalgúns casos con cantidades considerables que tapaban as bocas dos que non escatimaban negativos presaxios. Incluso a coidadora –a inmensa maioría eran e son mulleres- tiña a opción de darse de alta como cotizante no réxime especial que se creou na Seguridade Social, cotización que realizou nos primeiros anos o Estado directamente. Logo virían os recortes, reducindo as cantidades á mínima expresión e quitando a cotización gratuíta. Ben é certo que moitos solicitantes quedaban polo camiño, xa que lamentablemente falecían antes de finalizar todo o proceso, co conseguinte malestar creado.

Nestes dezasete anos de percorrido, asistimos á construción de centros residenciais e de día, así como nun incremento exponencial das horas de axuda no fogar que se ofrecen desde as entidades locais. O efecto na creación de emprego, feminino e local, foi de enorme valor.

Agora estase anunciando sen escatimar medios a axuda de cinco mil euros anuais para as familias con dependentes a cargo, creando unhas expectativas enormes entre a cidadanía. É o denominado Bono Coidado. Cómpre sinalar que dita contía será para aqueles que xa son beneficiarios da libranza na contorna familiar, que na nosa bisbarra segundo datos, rondaría os cinco centos perceptores . O efecto chamada non se fixo agardar e os que teñen persoas maiores a cargo están acudindo en masa aos servizos sociais municipais para presentar a solicitude do devandito bono.
Estamos na época que xa sabemos e comprobarase co paso do tempo como se desenvolve esta medida e a cantos satisfará.

Que as administracións competentes apoien economicamente aqueles domicilios onde as persoas maiores son atendidas directamente por algún ou varios convivintes, semella ser de xustiza. Recoñecer e por en valor ese traballo moitas veces invisible de mulleres –repetimos: a práctica totalidade dos coidadores son de sexo feminino- quen facilitan unhas atencións que fan que eses dependentes podan seguir no seu entorno de sempre, evitando así que acaben nun centro residencial.

Pero bótase en falta levar a cabo unha planificación a medio e longo prazo. Somos unha poboación avellentada que precisará algo máis que axudas económicas directas e coxunturais. E aí é onde se atopa o verdadeiro desafío.