Skip to main content

A actual asociación Arco da Vella de Barreiros ten a súa orixe hai 40 anos e ten a peculiaridade de manterse de fortalecerse neste tempo grazas ao seu espírito familiar a ao traballo da súa directiva por manterse xuntos e crecendo sempre. Ao fronte da mesma segue un dos seus fundadores, Enrique Penabad, que nestes 40 anos non deixou esmorecer o grupo.

Todo empezou cando xurdiu, fai 40 anos, o asociacionismo e un grupo de mozos da vila puxeron en marcha un teleclub para organizar actividades diversas. Así, unha das primeiras en organizarse foi unha Semana Cultural, na que un grupo acudiu a bailar nun espectáculo programado.

Non moi satisfeitos coa actuación, oito mozos da zona decidiron ver a súa capacidade e reuníronse unha tarde para poñer en común os seus coñecementos. Cunha gaita prestada fixeron os ensaios e aproveitando a celebración da cabalgata de reis decidiron facer a primeira actuación con público.

Como non podería ser doutro xeito, foi un éxito total así que, empuxados polos veciños e veciñas a vila, decidiron dar o paso para ser unha asociación. Así foi como no mes de febreiro de hai 40 anos firmaron a acta de constitución. Pero para chegar a ese momento houbo que celeberar unha longa asemblea para escoller o nome. Tras moitas valoracións escolleron o nome que levaría, dándolle sen dúbida un toque romático e enxebre, como é Arco da Vella, sacado do poema de Manuel María, que conseguiu a unimindade.

Non tardarían en facer a súa primeira actuación, o día de San Isidro, o 15 de maio, día dos labradores, que era festa en San Miguel, e foi a primeira actuación con roupa feita por eles mesmos as presas.

Esa foi a semente que deu orixe a o que hoxe é o Arco da Vella. Así, dos 17 membros que tiñan na súa orixe quedan cinco persoas pero creceu moito neste tempo. Así, hoxe hai 37 persoas no grupo de adultos e 52 nenos nas escolas, na súa práctica totalidade de San Miguel, aínda que teñen algún compoñente procedente doutros lugares do Concello. Aínda así, para os veciños é unha tradición formar parte da asociación, polo que todos os veciños, por máis ou menos tempo, pasan por esta asociación.

A actividade principal do grupo é a celebración da Feira do Emigrante. Dos 17 membros iniciais, tiñan os seus pais fóra once, na emigración. Así que, como no mes de agosto non había festa, os pais volvían ese mes de descanso a San Miguel e esixiron aos seus fillos que fixeran unha actuación para eles. Non querendo facerse de rogar, decidiron entre eles convocar a todos eles a unha actuación na praza do Souto a través dunhas orixianais invitacións. Puxéronlle I Festival do Emigrante, sen ningunha intención de continuidade, como de feito foi, que non se celebrou ao ano seguinte. Pero no seguinte ano foron invitados a varios festivais a bailar e decidiron eles mesmos facer o seu propio festival recuperando o nome que lle puxeran dous anos atrás.

ACTIVIDADES. Arco da Vella tivo máis actividades en tempos pasados pero víronse na situación de ter que escoller o camiño xa que a todo non se podía chegar. Constituidos como grupo folclórico, decidiron apostar por isto, pero non deixaron de lado actividades como a cabalgata.

As escolas foron polo tanto o eixe do traballo de Arco da Vella. Así, formaron tres liñas de ensino, gaita e percusión, pandeireta e baile, con tres profesores diferentes. No grupo de gaita imparte clase Roberto Sala, destadado profesional deste instrumento. O mesmo fai Iria coa pandeireta e Laura co baile, que se formaron en Arco da Vella, filla e sobriña de Enrique, o fundador e presidente desta asociación.

Para celebrar o aniversario están pensando en facer unha actuación conmemorativa da primeira, coincidindo co San Isidro e reunindo a bailaríns de todos os tempos. Pero esa idea estase aínda cocendo.

A FESTA DO EMIGRANTE

Trala la primeira celebración da Festa do Emigrante realizada só coa actuación de Arco da Vella, comezou unha tradición que ninguén discute dous anos máis tarde, co que se coñece realmente como o primeiro festival. Contaron neste primeiro coa actuación de tres grupos, moi diferente do que é hoxe en día, que xa foi declarado de Interese Turístico.

Nos primeiros tempos, o festival celebrábase na praza do Souto pero, a partir do sétimo ano, vendo o crecemento que experimentaba en asistencia de público, buscaron outra ubicación máis segura. Así foi como marcharon para o campo de fútbol das Valgas, ao redor da décima edición. Foi tamén o momento non que comezaron a actuar no festival grupos estranxeiros e Arco da Vella creceu facendo intercambios con conxuntos de prestixio. Outra das medidas que se tomaron foi cambialo para a primeira fin de semana de agosto.

Tamén co cambio de lugar veu escoller un presentador oficial, José Manuel Orriols, que ten un compromiso de corazón do Arco da Velle para presentar este festival todos os anos.

Nas últimas edicións, grazas á creación da CIOFF, organización que fai xiras por España de folclore de todas as nacionalidades, foron chegando moitos máis grupos estranxeiros ao Festival do Emigrante, grupos que teñen unha gran relevancia e que lle aportan a esta cita un valor engadido.

Finalmente, un dos grandes cambios foi a declaración de Festa de Interese Turístico. Así foi como o festival ampliouse no tempo pasando a celebrarse o venres pola tarde e o sábado, deixando para o primeiro día as foliadas previas, con grupos dos arredores e nas que se baila e canta de forma informal.

ESPÍRITO FAMILIAR

Cal e o segredo de manterse tantos anos en activo esta asociación? Principalmente polo espírito familiar do grupo no que os matrimonios primeiro e os seus fillos despois forman esa unión.

Outra das medidas que axudaron é que non se escollían aos bailaríns para as actuacións. “Viaxemos onde viaxemos, imos todos, non hai que sacar a ninguén hai que facer bo o que o fai mal, con máis traballo ou como sexa”.

Dunha localidade de 711 habitantes, manteñen un grupo grande e o segredo é a igualdade entre todos, o espírito familiar e adaptase ás situacións da vida. De feito, os ensaios son complicados porque moita xente está fóra durante a semana e moitas fins de semana. Así, aproveitan para xuntarse e tomar algo e de paso ensaiar, reforzando sempre en horas previas.

Así, os bailaríns de Arco da Vella teñen por costume facelo todo xuntos, é para eles unha forma de loitar contra a disgregación, situación que lles pasou a  moitas outras asociacións do mesmo xeito.