Skip to main content
Lugo

Asemblearias de Lucus Augusti, a asociación que difunde o rol das mulleres da antiga Roma

Por 22 Xuño, 2023Xuño 23rd, 2023Sin comentarios

Asemblearias de Lucus Augusti é unha asociación feminina cultural e de recreación histórica que naceu coa intención de difundir o rol das mulleres máis transgresoras, poderosas e influentes da Antiga Roma que sempre estiveron na sombra. Cada unha das socias dá vida a unha muller romana, desde avogadas ata emperatrices ou escritoras.

Dan comezo a actividade en 2012 pero non se constitúen como asociación ata o ano 2014. Na actualidade conta con 18 mulleres participantes, das que 12 viven en Lugo e o resto veñen a participar no Arde Lucus dende diferentes puntos da península e do estranxeiro.

O Palatino, onde estarán as Asemblearias de Lucus Agusti durante a celebración do Arde Lucus, estará situado nos xardíns do Museo Provincial de Lugo e onde os visitantes poderán coñecer todas as estancias do Palatino, o despacho da escritora e das avogadas e a taberna. Ademais haberá unha exposición permanente e photocall das réplicas da Boca da verdade, da Loba Capitolina e do monstro do parque de Bomarzo.

Este Palatino conta con actividades durante os tres días “nós temos un programa moi amplo, desde visitas guiadas para explicar quen somos, unha xincana para familias e ata rituais nos que implicamos ás nenas para que empecen xa desde pequenas a coñecelos” declara Pilar, membro da asociación.

Para as Asemblearias “o venres é moi significativo porque facemos a representación da primeira manifestación feminina na historia que se fixo para derrogar unha lei moi inxusta” e que dará comezo ás 19.30. “O ano pasado foi por todo Lugo pero este ano vai ser nas inmediacións do Museo para a continuación realizar a representación en si no campamento”, informa Pilar.

CONSULTA A PROGRAMACIÓN DO ARDE LUCUS

O traballo desta asociación non é só durante a festa senón que “tamén imos a festas de recreación histórica que nos invitan, alí onde hai unha festa estamos nós”.

“Segundo remata o Arde Lucus pasamos un mes para descansar, e despois xa empezamos a organizar outra vez, porque para crear as representacións, o vestiario, que o cambiamos todos os anos, e para preparar todas as actividades fai falta moito tempo”.

Para Pilar “isto é como unha droga, non podemos vivir con ela nin sen ela” traballan durante todo o ano buscando ideas, cando van de viaxe aproveitan para ver todo o que teña que ver coa época romana, se atopan un lugar de telas especiais alí acoden, e dicir, están todo o ano conectadas co Arde Lucus.

“Desde fóra vívese dunha maneira moi diferente a como se vive desde dentro, hai moito traballo e xa sabes que ti non vas desfrutar, o único que queres é que as persoas gocen do que fas, e é unha gran satisfacción ver que a xente vén e se interesa, fan preguntas e descubren cousas”.

En canto a momentos especiais durante o Arde Lucus Pilar recorda que “para nós o ano pasado foi moi emotivo porque tivemos a primeira pequeniña do campamento e bautizámola, foi emocionante presentala en sociedade, para nós foi un momento importante”.

Asemblearias de Lucus Augusti é unha asociación moi familiar, “formamos unha familia, non só no que respecta ao Arde Lucus senón tamén fóra, quedamos, saímos de rutas, imos de comidas. De non ser así non sería posible que isto se mantivese no tempo”.