Skip to main content
FriolFriol TERRACHÁXA

Cabarcos visita Traloagro como exemplo de produtos galegos con selo de calidade

Por 22 Marzo, 2024Sin comentarios

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, José Luis Cabarcos, visitou as instalacións da empresa Traloagro localizadas no polígono industrial de Friol, para coñecer de preto o traballo que levan a cabo dentro do sector da elaboración de produtos cárnicos -bovinos e avícolas-.

O director puxo en valor o compromiso coa calidade diferenciada de Traloagro, baixo o paraugas de tres distintivos diferentes que o exemplifican: a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera de Galicia, o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) e Artesanía Alimentaria de Galicia.

A Xunta aposta decididamente pola excelencia dos seus produtos agroalimentarios e neste mesmo ano entrou en vigor a Lei da calidade alimentaria, un texto legal que establece o marco normativo que permite asegurar a calidade dos nosos produtos alimentarios e que defende a lealdade das transaccións comerciais e dos dereitos e intereses lexítimos dos produtores primarios, operadores económicos e profesionais do sector, así como dos consumidores.

A calidade diferenciada da produción alimentaria galega, sinalou, é unha importante vía para mellorar a competitividade e comercialización do sector. Os distintivos de calidade das IXP ou denominacións de orixe son uns importantes instrumentos para poder traballar nesta liña, xa que as producións singulares contan cun dobre valor para os consumidores, produtos da terra elaborados con todas as garantías.

Sobre Traloagro

Esta empresa familiar, que comezou a súa actividade no ano 2010, conta cun amplo rabaño de bovinos de raza ruba galega e cuxa produción está amparada pola IXP Tenera Gallega. Os animais aliméntanse de forraxes propios colleitados na explotación, cereais de produción ecolóxica e pastos no exterior. Unha década despois, comezaron a comercialización da súa propia carne ecolóxica certificada a través do seu Biocentro Cárnico.

Dentro da súa aposta pola sustentabilidade, Traloagro tamén conta cunha granxa avícola ecolóxica cuxos polos están certificados polo Craega ao non estar tratados con antibióticos e tendo un ciclo de vida que pode chegar ata os 150 días, fronte aos 45 dos polos industriais.

Por último, Traloagro é un dos 100 operadores que forman parte de Artesanía Alimentaria de Galicia, selo que procura un sector estruturado en concordancia dos requisitos establecidos pola Unión Europea. Tamén busca protexer o bo facer dos artesáns, defendendo a súa profesión ante etiquetaxes enganosos e co fin de conservar e preservar as elaboracións de produtos artesanais tradicionais, tan arraigados á cultura galega e que forman parte da nosa historia.

En colaboración coa Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Traloagro participa no programa do Come Local, coa que se potencia o mercado de proximidade y circuíto curto de comercialización, facilitando a distribución dos seus produtos aos comedores escolares, elaboracións acollidas a selos de calidade diferenciada de protección oficial europea.