Skip to main content
Cervo

Camiño da innovación, desprázase o luns a Cervo

Por 7 Novembro, 2021Sin comentarios

A iniciativa Camiño da Innovación chega o próximo luns 8 de novembro ao concello lugués de Cervo. Trátase dun espazo itinerante que realizará 18 paradas nas catro provincias galegas durante os meses de novembro e decembro, co obxectivo de prestar asesoramento ás pemes e difundir entre elas a necesidade e a oportunidade de innovar, como factor clave para gañar competitividade e medrar.

O tráiler deste programa pioneiro en Galicia estará dispoñible de 9,00 a 18,00 horas na praza do Concello, e contará coa participación do delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias. Os interesados en participar deberán inscribirse previamente a través da páxina web de Gain.

 

Esta iniciativa enmárcase no Programa de Impulso á Innovación nas Pemes posto en marcha pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, dotado con 12M€ para axudar ás pemes e microempresas galegas a investir en innovación. A través das distintas actuacións, tratarase de promover que as empresas que non innovan inicien a senda da competitividade baseada no coñecemento e, principalmente, tratarase de dinamizar aos tecidos empresariais dos núcleos non urbanos.

EXPERIMENTACIÓN

En cada etapa ofrecerase asesoramento personalizado a pemes por parte de técnicos de Gain para analizar as oportunidades de innovar e como poñela en marcha. O obxectivo é atender máis de 200 consultas na xira, axudando a cada empresa a elaborar unha folla de ruta para poñer en marcha plans de acción que se materialicen en resultados tanxibles. 

Ademais, celebrarase un encontro onde se presentarán tres exemplos de pemes innovadoras da contorna; en total, contarase con 54 casos de éxito que están a competir en mercados internacionais e que demostran que a innovación se pode poñer en marcha en calquera sector e empresa. 

En Cervo, a cita con compañías innovadoras terá lugar de 12,30 a 14,00 horas no salón de plenos do Concello, da man de Laminados Villapol –fábrica de madeira laminada con sede en Trabada–, Pescados Rubén –empresa familiar vencellada aos produtos do mar–, e Star Electrónica –empresa especializada no desenvolvemento de solucións electrónicas avanzadas–.

Por último, poranse a disposición do público materiais explicativos das ferramentas e técnicas de innovación, que se irán incrementando con novos contidos durante 2022, así como un curso en liña sobre aspectos básicos da innovación.