Skip to main content
O PáramoRiotortoRiotorto AMARIÑAXA

Os colexios de Riotorto e O Páramo promocionan nos seus xantares os produtos locais

Por 18 Decembro, 2021Sin comentarios

A Consellería do Medio Rural achegou produtos agroalimentarios galegos aos colexios de Riotorto e O Páramo para elaborar os seus menús de Nadal, unha iniciativa que se enmarca na rede Mercaproximidade e se leva a cabo estes días en oito centros da comunidade.

Participou nesta iniciativa o Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Plurilingüe de Riotorto, onde os 34 alumnos e alumnas que utilizan o servizo do comedor puideron degustar un menú a base de fabas, tenreira, patacas, queixos, iogures e mel. Así mesmo, o CEIP Plurilingüe do Páramo ofreceu aos 50 alumnos e alumnas do comedor un menú similar, neste caso con carne de cordeiro.

Todos os produtos destacan pola súa calidade, ao acollerse a distintivos como as indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega, Mel de Galicia e Faba de Lourenzá ou a denominación de orixe protexida Queixo Tetilla.

Estas xornadas están promovidas en colaboración cos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) e perseguen un dobre obxectivo; por unha banda, apoiar aos pequenos e medianos produtores galegos, e por outra, promover unha alimentación infantil saudable.

Os propios centros elixiron os produtos alimentarios de entre a oferta de Mercaproximidade, a canle alternativa de comercialización habilitada pola Xunta ao inicio da emerxencia sanitaria para garantir que as producións do sector primario galego atopaban saída nas principais cadeas de distribución.

En total, a Xunta repartiu nos centros escolares máis de 600 quilos de produtos agroalimentarios destinados a preto de 1.650 rapaces e rapazas. En concreto, distribuíu 348 kg de patacas, 81 kg de fabas, 85 kg de carne de tenreira, 600 hamburguesas e 93 quilos de carne de porco celta e 40 kg de carne de cordeiro. Tamén 1.210 iogures, 52 queixos e unha decena de quilos de mel.

COME LOCAL

Os xantares de Nadal nos colexios ao abeiro de Mercaproximidade teñen lugar unha vez clausurada a II edición da campaña Come local, que promoveu -tamén no marco desta rede- o consumo de menús especiais elaborados con producións acollidas a indicacións xeográficas e denominacións de orixe protexidas nunha vintena de comedores escolares da nosa comunidade.

Cabe lembrar que dende o comezo da emerxencia sanitaria pola covid-19, a Xunta tamén doou produtos como patacas, queixos, mel, carne de tenreira, de porco celta ou de cordeiro a bancos de alimentos ou cociñas económicas, para atender os colectivos máis desfavorecidos. Así mesmo, cedéronse alimentos aos hospitais, para que puidesen confeccionar os seus menús con producións de proximidade e de calidade diferenciada.

No marco da canle Mercaproximidade, que tiña como principal obxectivo dar saída aos produtos agroalimentarios galegos nos establecementos das principais cadeas de distribución que operan en Galicia, tamén se desenvolveron campañas nas redes sociais baixo os cancelos #EuVoudeSuperfeirón e #FeirónNaCasa, para impulsar a compra de produtos locais de calidade, así como o seu emprego para a elaboración de receitas gastronómicas.