Skip to main content
Cultura AMARIÑAXAO Vicedo

Comisión de Festas do Vicedo: “Lanzaremos foguetes para marcar o comezo”

Por 23 Febreiro, 2023Decembro 18th, 2023Sin comentarios
Por Ana Somoza López.

Jorge é un dos membros da comisión de festas do Vicedo.

Quen forma a comisión?

Pois a comisión de festas patronais formámola tres persoas, Nuria, Santiago e máis eu. Aínda que despois hai voluntarios entre a veciñanza para botar unha man.

Cales son os obxectivos que perseguen?

O noso obxectivo é organizar a festa patronal do Vicedo que se celebra o 4, 5 e 6 de agosto. E para elo durante todo o ano facemos diferentes actividades.

Contan con apoio municipal para as actividades?

Para as patronais si, pero para o resto das actividades non. Por iso sufragamos con outras como son a festa infantil, na que a entrada aos inchables cóbranse a 1 euro e despois coas rifas do sorteo da cesta de Entroido, ou o bar da propia festa.

Que prezo teñen as rifas?

Unha rifa custa 2 euros, pero hai un prezo especial de 5 euros por 3 rifas. Todo elo pensando para que esta recadación axude a sufragar estes gastos.

Que teñen preparado para o Entroido deste ano?

Pois a xornada festiva, que será o sábado 25 de febreiro, comezará ás 10.00 horas lanzando foguetes para que a veciñanza saiba que empeza a festa. Xa pola tarde facemos unha festa infantil que comezará ás 17.00 horas e que conta con inchables e na que adoita participar o APA do colexio.

Tamén haberá desfile, non?

Si, será máis tarde arredor das 21.00 horas, cando comezará o desfile dos cativos e ás 22.30 horas será a gran verbena na que contaremos con Disco Móvil Eventec e o dúo Dvicio. E tamén será o desfile dos maiores sobre ás 23.00 horas.

E o sorteo da cesta?

Durante o descanso da disco móbil e o dúo farase o sorteo dunha gran cesta, que está elaborada con produtos locais e na que participan os autónomos e locais de hostalaría do Vicedo. Xa por último á 1.00 lanzaranse fogos de artificio.

Teñen algunha lembranza especial do Entroido?

Si, pero xa non como lembranza senón como anécdota, pois é que todos os anos cae do escenario algún membro da comisión, gracias a dios sen resultados graves. Veremos a quen lle toca este ano.