Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Equipos da Policía e Garda Civil realizaron 586 actividades para 22.000 escolares

Por 20 Marzo, 2024Sin comentarios

En Lugo, tres de cada catro centros educativos solicitaron charlas do Plan Director, destacando a preocupación pola ciberseguridade, as adiccións, o acoso e ciberacoso e a violencia contra as mulleres.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, presidiu esta mañá xunto co Director de Alta Inspección de Educación, Xosé Lois García Carballido, a Comisión Provincial de Seguimento do Plan Director que o Ministerio do Interior desenvolve desde hai más dunha década para mellorar a seguridade e a convivencia nos centros educativos. A reunión de seguimento contou ademais coa participación das persoas responsables das unidades especializadas da Policía Nacional e a Garda Civil, que se encargan de coordinar as actividades de formación na provincia, a xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación, a xefa territorial de Educación e a inspectora de Educación da Xunta de Galicia.

Isabel Rodríguez celebrou a consolidación e continuidade do Plan Director “cunha pegada moi positiva na comunidade educativa da provincia”, recoñecemento expresamente “o labor dos axentes-docentes pola calidade e compromiso das accións realizadas, cunha magnífica colaboración entre as forzas de seguridade e os centros educativos”.

A subdelegada subliñou o traballo realizado na provincia de Lugo polos equipos especializados tanto da Policía Nacional como da Garda Civil, que desenvolveron 586 actividades de formación e prevención nas que participaron máis de 24.000 persoas, das que preto de 22.000 foron menores, 1.300 profesores e profesoras e case 1.300 membros das familias.

Temáticas

Os temas máis solicitados polos centros de ensinanza foron, en primeiro lugar, a ciberseguridade, especialmente a protección de nenos e nenas nas redes sociais, seguidas das charlas sobre acoso ou ciberacoso escolar. As adiccións a drogas, xogo ou tecnoloxía e as violencias machistas ocupan, respectivamente, a terceira e cuarta posición entre as máis solicitadas.

Segundo afirmou a subdelegada do Goberno, “desde o Goberno incrementáronse as materias e actividades para adaptarnos constantemente ás demandas sociais debido á existencia de novas necesidades en materia de seguridade entre os escolares, derivadas da sociedade cambiante”.

Consolidación e aumento da demanda

En Lugo, tres de cada catro centros educativos solicitaron charlas de sensibilización dentro do Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade no 2023. En termos porcentuais, solicitaron formación o 76% dos centros, participando no plan un total de 164.

Respecto ao ano anterior, o número de alumnado participante aumentou nun 31%, o profesorado nun 34% e cómpre destacar o número de pais, nais e familia asistentes a charlas, que incrementou nun 200%.