Skip to main content
Deportes AMARIÑAXARibadeo

Éxitos do Club Piragüismo Altrúan de piragüismo de Ribadeo no Campionato de España Cadete

Por 7 Agosto, 2023Sin comentarios

Recepción no Concello de Ribadeo a tres deportistas do Club Altruán de piragüismo tras os éxitos acadados no Campionato de España Cadete. O alcalde, Dani Vega, e o concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, destacaron a entrega e o sacrificio das tres rapazas así como o traballo realizado polo club.

O rexedor subliñou que “o piragüismo ribadense está de celebración e de festa xa que Manuela Lastra, Elena Rico e Elena Justo fixeron un gran traballo. Esa vocación ao deporte, esa entrega, ese sacrificio e ese ánimo de traballar todos os días tróuxolles esta gran vitoria e gran recoñecemento que lles servirá como experiencia na vida”.

Dani Vega felicitounas polos últimos éxitos acadados: “nós dende o goberno ribadense queremos felicitalas e desexarlles o mellor. No acto destacamos claves que son fundamentais: o sacrificio, o traballo, a dedicación, a vocación, é o que trae. Ás veces perdes, pero outras ganas. Diciamos no acto que non hai que quedarse simplemente coa vitoria senón coa experiencia de vida, que despois de moito traballo e dedicación é cando empezas a recoller os froitos e os resultados. Dende logo con moi pouca idade están demostrando que a disciplina e o traballo traen grandes éxitos”.

O alcalde tamén destacou o traballo realizado polo Club Altruán: “debemos felicitar a toda a dirección do club porque están facendo un traballo moi importante, desinteresado. É dicir, esa parte de altruísmo e voluntariado, que lle están dedicando aos nosos rapaces e a Ribadeo en definitiva porque demostra un amor e unha entrega á vila. Polo tanto, ao Club Altruán de piragüismo tamén felicitacións por ese gran traballo”.

O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, contou que “recibimos no Concello de Ribadeo a tres excelentes deportistas galardoadas no Campionato de España Cadete. Son deportistas do Club de Piragüismo Altruán: Manuela Lastra, ouro en K1 500; Elena Justo, prata en PK3 500 e a Elena González Rico, prata en K2 500, acompañada tamén por Manuela Lastra”.

O edil ribadense subliñou: “queremos poñer en valor todo o esforzo feito e o gran traballo que hai detrás dende o club para facer que co gran talento que teñen as deportistas se adestre o mellor posible para conseguir todos estes grandes éxitos. Agradecerlles a elas tamén que sexan embaixadoras de Ribadeo alí onde compiten e loitan por estar no máis alto do podio”.