Skip to main content
Sarria

Lavado de cara para a rúa Diego Pazos, en Sarria

Por 25 Febreiro, 2021Marzo 2nd, 2021Sin comentarios

Novo aspecto da rúa Diego Pazos

A rúa Diego Pazos de Sarria loce unha nova imaxe. O Concello vén de levar a cabo a renovación do firme, entre os cruces da Avenida e A Ciguñeira, e os traballos na zona están a piques de rematar.

Despois de dúas denegacións de permisos por parte da Xunta de Galicia, o Concello de Sarria remitía o pasado luns un amplo expedente á delegación territorial en Lugo xustificando a urxencia da actuación nesa vía, de titularidade autonómica. Unha xornada despois iniciaban as obras. O alcalde do municipio, Claudio Garrido, insiste nesa “necesidade urxente” da actuación porque a rúa “estaba nun estado intransitable” e resultaban insuficientes os traballos puntuais de conservación levados a cabo polo Concello. “Poñer parches non valería de nada”, recoñece o rexedor.

Co inicio das obras, a Xunta manifestaba que se estaban a executar sen autorización, pero o alcalde escúdase en que as condicións xerais da autorización inicial do Goberno autonómico para a obra na rúa Diego Pazos indicaba que “en caso de quedar inconclusa sería obrigado repoñer a vía ao seu estado inicial”. “É o que estamos a facer”, di Claudio Garrido, quen engade que “é unha solución provisional, pero non podiamos manter a rúa no estado que estaba polo bloqueo permanente que atopabamos”. Os veciños de Sarria, engade, “non se merecían unha rúa así pola inacción da Xunta”.

De aí a actual actuación, á espera, di Garrido, “de acadar os fondos necesarios para poder acometer unha actuación integral da rúa”. Unha actuación integral que incluiría xa todo o dominio público do treito, é dicir, zona de circulación, estacionamentos e zonas peonís, e que tería un custe superior aos 320.000 euros.

A renovación do firme que se vén de realizar supón un investimento de 40.000 euros e está incluída no plan único de 2020. A súa execución vai permitir, segundo o alcalde, “soportar a intensidade do tráfico que ten a vía” así como “garantir a accesibilidade, seguridade e funcionalidade” da mesma.

Os traballos, que se completarán coa colocación de xardineiras, están a piques de rematar.