Skip to main content
Lugo

Malasmadres e Paula Fraga protagonistas da I Xornada Querémonos Vivas, Libres e Iguais

Por 24 Novembro, 2021Sin comentarios

O Salón de Actos do Pazo de San Marcos acolleu este martes a I Xornada Querémonos Vivas, Libres e Iguais que organizou a Deputación de Lugo no marco da programación con motivo do 25N. Maite Egoscozabal, do Club Malasmadres, e Paula Fraga, xurista, foron as protagonistas deste coloquio que se puido seguir de maneira presencial e tamén en directo a través das canles do Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo.

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a Deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro, foron os encargados de abrir e moderar este espazo de reflexión onde se puxo o foco na violencia machista e na violencia estrutural contra a muller. “Como parte da administración, esta institución quere impulsar o seu papel como axente activo á hora de impulsar os dereitos das mulleres, cremos que temos un papel importante á hora de axudar a trasladar as reivindicacións do feminismo na esfera da administración local, sobre todo nos concellos rurais, de poboación dispersa ou alto grao de envellecemento, nos que as dificultades das mulleres por lograr a plena igualdade son maiores”, indicou Tomé Roca.

A Deputada de Muller e Igualdade foi firme e manifestou que a sociedade “non pode permitir máis asasinatos, nin que haxa situación de menosprezo e de desigualdade nos fogares, nos lugares de traballo ou nas rúas do noso país”. Lembrou María Loureiro que dende o 2003 en España foron asasinadas 1.117 mulleres, “mulleres con nomes e apelidos, coas súas propias historias que se detiveron para sempre”.

Dende o 2019 en España rexistráronse 1.743.680 denuncias por violencia machista que se traduciron en 450.000 ordes de protección. “Son datos preocupantes, porque aquí en Galicia xa tivemos que volver saír á rúa para condenar un feminicidio cometido na Coruña”. “Non podemos deternos, non podemos permitirnos que morra unha muller máis, e tampouco podemos permitir situacións que vulneren os nosos dereitos”.

Loureiro recalcou un dos temas abordados no debate: os prexuízos de xénero. “Os estereotipos inventan unha supostas condicións de diferencias, e para os intolerantes, a diferenza sempre é unha invitación á violencia”. Foi firme ao dicir que as mulleres “non podemos aceptar que se nos marque como debemos actuar, non podemos transixir con modelos de igualdade baseados en argumentos tan baleiros como que ‘sempre se fixo así’ ou que ‘é o que a sociedade espera das mulleres’”, explicou.
Outro dos temas nos que se fixo unha reflexión foi a conciliación familiar. “De nós espérase moito máis, nós temos que encargarnos de moitas máis responsabilidades no coidado dos fillos e no coidado do fogar”, manifestou a Deputada. Puxo tamén o foco nas situacións que se deron durante a pandemia en moitas casas do país onde “o coidado de maiores e enfermos, a atención dos nenos sen clase presencial, se estenderon de modo automático como cometidos femininos”.

As poñentes
Unha das poñentes foi Paula Fraga, xurista. Actualmente avogada especializada en dereito penal e de familia. A súa práctica xurídica está moi centrada na defensa dos dereitos das mulleres e a infancia. No mesmo sentido, desenvolveu a súa militancia política en diversas organizacións feministas. Forma parte da Alianza Contra el Borrado de las Mujeres e foi premiada polo seu traballo en favor da abolición da prostitución e a súa colaboración en programas de reinserción de mulleres internas nas institucións penitenciarias.

Na súa intervención fixo un repaso lexislativo á normativa actual e reflexionou sobre aspectos que poden incorporar as leis dende unha perspectiva feminista. Puxo o foco no incremento de violencia sexual no país, rexistrándose cada día, dixo, unha media de seis violacións. Tamén subliñou o aumento neste 2021 de ata un 30% das denuncias por delitos sexuais, con respecto ao ano pasado, cun especial significado das violacións grupais.

Fraga, quen abandeira un movemento abolicionista, incidiu en que é preciso “entender que a prostitución é violencia machista, que non se pode permitir que os adolescentes teñan como educación sexual a pornografía e que é preciso erradicar os roles de xénero”.

Así mesmo, fixo unha chamada á recuperación dos valores e da esencia do feminismo. “Temos que volver á razón de ser do feminismo, dsebemos defender as políticas de igualdade, esixir unha axenda feminista”, subliñou.

Tamén participou a través de videoconferencia Maite Egoscozabal, socióloga do Club de Malasmadres e da asociación Yo No Renuncio. Publicou o informe Las Invisibles que reflicte como a maternidade converte en invisibles ás mulleres no ámbito laboral, persoal e social. O Club Malas Madres naceu nas redes sociais co obxectivo de desmitificar o mito de “nai perfecta” e reivindicar un novo modelo de nai. Agora mesmo, xa son máis dun millón de nais conectadas entre si para visibilizar a necesidade de non perder a identidade propia como mulleres unha vez que se ten un fillo ou unha filla. O Club Malas Madres é ademais o altofalante de toda unha xeración para a loita común en favor da conciliación, pensando en que as mulleres nin queren nin deben renunciar á súa carreira profesional á vez que tampouco queren renunciar a ver como medran as súas crianzas.

“O 75% das nais viu alterada a súa traxectoria laboral, ben sexa pola redución de xornada, capítulos de discriminación como non renovar contrato ou unha renuncia voluntaria para poder atender á casa e aos fillos”, destacou Egoscozabal referindo uns datos recollidos por Malasmadres en febreiro de 2020. “É unha discriminación moi silenciosa, hai mulleres que atrasan a idade para ser nais para ser premiadas laboralmente antes de ser nai, e non debería ser así, a maternidade non debería condicionar a túa traxectoria laboral”. Engadiu que “existe unha brecha entre o desexo de ser nai e os fillos e fillas que se teñen realmente”.

Co inicio da pandemia e o confinamento, referiu Maite Egoscozabal, “confiábamos en que a corresponsabilidade dentro do fogar melloraría, pero detectamos cos nosos estudos que o 73% das mulleres que convive coa súa parella, mantivo igual de desigual o reparto, ou incluso empeorou”. Explicou que segue a ser a muller a que carga co traballo menos visible: co traballo dos coidados. “Os roles tradicionais de xénero seguiron no fogar e como consecuencia o coidado recaeu sobre a muller, principalmente”. En relación a iso, propuxo que é preciso que os homes entendan que “isto é cuestión de todos, non só das mulleres, e eles teñen que ser parte activa para acabar co machismo e os roles de xénero”.

Unha institución comprometida coa igualdade
“Esta xornada nace con vocación de continuidade porque como institución comprometida coa igualdade, queremos reforzar a concienciación e dar maior visibilidade ás causas e aos síntomas das violencia machista para articular mecanismos que nos permitan erradicala por completo na nosa sociedade”, incidiu o mandatario provincial.

Tomé Roca dixo que é consciente de que se avanzou moito en materia de igualdade grazas á forza do feminismo. “Isto é algo que hai que recoñecer e que hai que poñer en valor, pero a propia existencia da violencia machista é a demostración de que nos queda moito camiño por andar, pero non só iso, debemos estar alerta para que non se dean pasos atrás”. Nese sentido, insistiu en que os dereitos das mulleres non son conquistas que teñen garantía de permanencia por si mesmas, senón que son conquistas debe defender o conxunto da sociedade cada día.

“Digo isto porque nos últimos anos, nos últimos tempos, rexurdiron discursos peligrosísimos, dogmáticos, discursos que corren como a pólvora sobre todo nalgúns ámbitos, discursos que negan a mesma existencia dunha violencia específica contra as mulleres, negan que as mulleres sofren unha violencia polo mero feito de ser mulleres”, recalcou Tomé Roca.