Skip to main content
Axenda CaducadaOuteiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

Paraíso Canto actúa este sábado na casa museo de Manuel María

Por 10 Novembro, 2022Sin comentarios

Este sábado, 12 de novembro, ás 20 horas, o dúo conformado por Martiño Malleiro e Gabi Reboredo, Paraíso Canto, estará na Casa-Museo Manuel María para presentar a súa música. Unha proposta que parte do canto tradicional galego e que procura un son persoal con arranxos propios e que experimenta, tamén, con outras sonoridades do mundo, así como do jazz.

A persoal e expresiva voz de Gabi xunto ao latir dos seus pandeiros é acompañada con gusto e delicadeza polos clarinetes baixo e soprano e mais polo acordeón cromático de Martiño. O repertorio de Paraíso Canto, diverso e emocionante, apóiase no canto comunitario, no canto do pobo, legado marabilloso presente nas casas, nas aldeas, nas tabernas…

Gabi Reboredo, profesor de clases de baile, canto e pandeiro en diversas entidades culturais e musicais da xeografía galega, participou no disco Galiza de Kepa Junquera, como membro de aCentral Folque; foi letrista de discos como Lobos, de Davide Salvado, Rústica, disco colectivo de Cristina Pato, Anxo Pintos, Davide Salvado e Roberto Comesaña, e do álbum homónimo de Caldo. É colaborador habitual de Sheila Patricia. Martiño Malleiro, o outro membro de Paraíso Canto, ten formación de conservatorio en música clásica e na actualidade forma parte do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra.

Para asistir ao concerto é necesario facer reserva (billete 5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.