Skip to main content
Comarca RIBEIRASACRAXA

Promoción da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

Por 15 Maio, 2021Maio 18th, 2021Sin comentarios

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, xunto á Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este sábado nun acto organizado pola Asociación de Veciños de Vilachá de Salvadur, da Pobra do Brollón, para promocionar o Camiño de Inverno e a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade. A actividade consistiu no percorrido dos case dous quilómetros do Camiño de Inverno dende o Mirador da Capela de Vilachá ata as adegas. Tamén asistiron o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos de Monforte, José Luis Losada Fernández, e Rosario Morillo Losada, representante do Concello de Ribas de Sil.

José Tomé puxo en valor a implicación da asociación veciñal para impulsar a Ribeira Sacra e lembrou que a Deputación comparte as reivindicacións polas que o colectivo organizou a iniciativa de hoxe. “O esforzo da Asociación de Veciños de Vilachá de Salvadur para poñer en valor, defender e divulgar o patrimonio da Ribeira Sacra é un exemplo de compromiso e traballo desinteresado, feito a favor de todos e contra ninguén. Un recordatorio permanente do nivel de esixencia que a sociedade civil espera dos responsables políticos e das institucións”, asegurou o mandatario provincial.

O Presidente subliñou que a Deputación foi a impulsora do movemento social e institucional que desembocou na presentación da candidatura da Ribeira Sacra á Unesco para que sexa recoñecida como Ben Mundial e, recentemente, tanto o pleno provincial como o de Monforte aprobaron reclamar á Xunta de Galicia a oficialidade do trazado do Camiño de Inverno por Cubela, Vilachá e Rozavales.

A materialización de ambas reivindicacións contribuirá, destacou José Tomé, “a un  desenvolvemento sostible do territorio que pasa pola promoción do patrimonio e do medio ambiente como xeito de asentar un turismo de valor engadido. Un turismo non masificado, que aposte polas experiencias en contacto co local. Un turismo que xere emprego no rural e axude a mozos e mozas a desenvolver os seus plans de futuro nas súas vilas. Un turismo que axude a poñer en valor os nosos produtos e lles dea aínda maior proxección”.

Ao remate do acto, os participantes na camiñada degustaron os viños de Vilachá en homenaxe á representativa feira do viño que se celebra cada ano e que debido á pandemia non poderá celebrarse este ano.