Skip to main content
Outeiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

Proposta teatral para este sábado na casa museo de Manuel María

Por 31 Outubro, 2022Novembro 8th, 2022Sin comentarios

A viaxe do Señor López, protagonizada polo actor e dramaturgo lucense Rubén Pérez Pombo, será o espectáculo que, este próximo sábado, 5 de novembro, ás 17 horas, se poderá presenciar no auditorio da Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei. Inícianse así as actividades que neste mes de novembro farán pasar pola Casa-Museo Paraíso Canto (12 de novembro), Uxía & Germán Díaz (19 de novembro) e Paco Nogueiras (26 de novembro).

A peza teatral deste sábado, dirixida para nenas e nenos a partir de seis anos e as súas familias, ten a seguinte sinopse: O Señor López é unha persoa solitaria, triste e gris. Un día calquera acontécelle unha desas cousas solitarias, tristes e grises tan característica do mundo dos adultos e a partir dese momento todo cambia. Monta unha compañía de teatro. Aprende a contar chistes. Fala idiomas inventados. Viaxa nunha balsa por un mundo cheo de cores e alegría. O Señor López convértese nun paxaro-inuit.

Rubén Pérez participou no pasado en proxectos teatrais coas compañías Palimoco, Microefectos Dramatúrxicos, Ítaca Teatro, así como Lucecús Teatro ou Ibuprofeno e coordinou diferentes proxectos interdisciplinares como Esperta Zoe, Rincon Literario ou Buxiganga, proxecto teatral da Deputación de Lugo. Con varias publicacións e premios como creador artístico, puxo en marcha nestes últimos anos unha compañía, Señor López Producións Teatrais, un proxecto persoal onde quere desenvolver a súa faciana máis persoal e divertida, achegando propostas educativas para o público máis novo co obxectivo de encher os teatros.

Para asistir ao espectáculo é necesario facer reserva (billete 2 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.