Skip to main content
Lugo

Proteccion Civil achega esta semana as claves para actuar ante un lume ou un sinistro de tráfico

Por 16 Maio, 2023Sin comentarios

A acción forma parte da programación prevista dentro da Semana de Prevención de Incendios organizada polo Concello de Lugo.

Coñecer para previr. Con ese obxectivo, o Concello de Lugo organizará esta semana unha programación específica para informar á poboación de como actuar en caso de incendio e como evitar riscos, amosando o labor que desenvolven os servizos de emerxencia que operan no municipio.

Trátase, segundo informou a alcaldesa, Lara Méndez, “de achegar formación e coñecementos tanto ás xeracións máis novas como ao público en xeral, difundindo nocións básicas que nos permitan actuar correctamente en caso de presenciar algún lume ou de sufrir un accidente”.

Así, a rexedora explicou que o departamento de Protección Civil do Concello preparou diferentes actividades que, polo seu elevando compoñente didáctico, irán dirixidas, especialmente, ao público escolar aínda que tamén ao conxunto da cidadanía debido ao seu interese e practicidade.

Deste xeito, este xoves e venres o alumnado dos centros educativos poderá participar nunha sesión de dúas horas de duración (a razón de dúas quendas cada mañá, de 09:15 a 11:15 horas e de 11:30 a 13:30 horas) na que terán oportunidade de coñecer polo miúdo o traballo que se desenvolve durante un rescate acuático, “con acceso ás embarcacións, a un dron e ao material de rastrexo e busca en barrancos, co fin de descubrir a loxística empregada nun operativo deste tipo e os protocolos de activación de emerxencias”.

A rapazada recibirá, tamén, unha charla de prevención, con proxección de vídeos, durante a cal poderán trasladar todas as súas preguntas ou dúbidas para, a continuación, mergullarse nun labirinto creado a propósito pola Fundación Maphre – que colabora na programación – que emulará o percorrido por unha vivenda chea de fume, neste caso inocuo para a saúde.

A continuación os bombeiros de Lugo realizarán tres demostracións para ensinar como se debe combater o incendio dun líquido cun extintor e con espuma, como facer fronte a un lume nun cadro eléctrico cun extintor de C02 e como sufocar unha tixola de aceite ardendo cunha tapa ou manta ignífuga, ao mesmo tempo que visualizarán a reacción que produce o intento de apagalo con auga.

En canto á xornada aberta ao público en xeral, esta terá lugar o sábado, 20 de maio, entre as 10:30 e as 13:00 horas, coa inclusión desa mesma demostración por parte dos Bombeiros e, posteriormente, cun simulacro ao abeiro da campaña de concienciación sobre os riscos nos accidentes de circulación.

Nesta actividade participarán a Policía Local, a Policía Nacional, Garda Civil, 061/Cruz Vermella e os Bombeiros Forestais que explicarán en que consiste o seu traballo nun sinistro de tráfico.

Desta forma, a Policía Local reproducirá como abordan as colisións, realizando unha descrición do que se atopan, as posibles causas e os riscos da contorna ao mesmo tempo que se encargan da súa sinalización e de avisar ao resto de intervenientes. Os bombeiros avaliarán o escenario e aos ocupantes, aos que rescatarán antes de que estes sexan atendidos no lugar polos sanitarios que darán conta de como se debe afrontar o manexo de feridos, cales son as lesións máis habituais ou a importancia de facer uso dos sistemas de retención infantil, entre outros aspectos.

A alcaldesa, Lara Méndez, convidou á poboación a participar na actividade

“Un sinistro de tráfico é un dos peores escenarios aos que unha persoa se pode enfrontar na súa vida. Saber qué podemos e, sobre todo, que é o que non debemos facer son, sen dúbida, cuestións fundamentais para evitar consecuencias peores. Por iso animamos ás e aos lucenses a achegarse este sábado á Praza da Horta do Seminario e coñecer da man de Protección Civil e da Fundación Maphre cales son as claves que nos permitiarán actuar dun modo seguro”, concluíu a rexedora.