Skip to main content
Lugo

Recursos Internos afea a conduta da xunta de persoal ao desmarcarse da prioridade de sacar as OPEs

Por 11 Abril, 2024Sin comentarios

O concelleiro responsable de área de Recursos Internos, Pablo Permuy, lamentou a falta de colaboración amosada por parte da Xunta de persoal e do Comité de empresa e afeou a conducta desleal evidenciada ao desmarcarse do acordo alcanzado que fixaba como prioridade sacar as ofertas de emprego público definidas e, unha vez realizado este traballo e alcanzada unha foto fixa da distribución dos recurso humanos, abordar a modificación da Relación de Postos de Traballo.

Así mesmo, o edil defendeu os labores dos traballadores que desenvolven as súas competencias na área de Persoal e aclarou que o Goberno local está a cumprir escrupulosamente os acordos definidos nas mesas de negociación. “Estanse a desenvolver os traballos conforme a folla de ruta pactada nas xuntanzas da mesa xeral de negociación. Non se entende que agora se pretenda deixar de lado o falado nas Mesas de Negociación”. Do mesmo xeito, considera “inexplicable que se pretenda esquecer o traballo que se está a desenvolver e se critique a non posta en marcha da negociación respecto doutros temas cando non foi o pactado·. O acordo recolle que, unha vez rematado o proceso de convocatoria de todos os procesos de OPEs pendentes, “se iniciaría o estudo das modificacións da RPT e se establecería un orde no resto de temas a negociar. Agora parece que o pactado, de xeito unilateral, quérese deixar sen efecto”, proseguiu Permuy.

Así mesmo, o concelleiro destacou que desde a área que dirixe nunca se aludiu a motivacións económicas para xustificar as decisións tomadas, agás cando se falou da implantación da carreira profesional, polo importe total que suporía e que esixiría doutras actuacións para a súa financiación. “Respectamos a lexitimidade dos traballadores e traballadoras a reivindicar os seus dereitos laborais pero consideramos que o camiño emprendido polas Organizacións Sindicais non é o máis axeitado para acadar avances nesta materia”.

Pola súa parte, manteranse “os compromisos acadados na Mesa Xeral de Negociación, do mesmo xeito que deberían de facer todas as partes involucradas”, indicou o edil. Por último, asegurou que estas críticas carecen de fundamento e relatou os avances máis destacables acadados nesta materia onde se inclúen pormenorizadamente o estado de todas as prazas incluídas nas ofertas de emprego público desde 2021.