Skip to main content
Alfoz

Relevos nos partidos opositores de Alfoz

Por 13 Maio, 2023Maio 14th, 2023Sin comentarios

O Bloque Nacionalista Galego desaparece do mapa político do Concello de Alfoz, que está gobernado en maioría polo socialista Jorge Val

Na terra da fortaleza do mariscal Pardo de Cela, os socialistas volven presentar ao actual rexedor, Jorge Val, para seguir gobernando con maioría absoluta, pois leva dous mandatos. Nunha ocasión, o fixo en coalición coa candidatura independente de VIA Alfoz e nesta última xa o fixo en solitario con cinco concelleiros. Na oposición, Efigenia Maseda, toma o relevo de Xabier Pardiñas ao fronte de Veciños Independentes de Alfoz; e Juanjo Fraga, o do Partido Popular de Emilio Lousas. Este dous partidos intentarán conseguir máis concelleiros ou manter os seus postos opositores.

PSOE. O socialista Jorge Val volverá concorrer ás eleccións do día 28 de maio “ás que decidín volver a presentarme coa ilusión de seguir traballando polo benestar de todos os veciños e veciñas de Alfoz os vindeiros 4 anos”.

Os motivos de presentación son varios e “comeza pola petición de moita xente do pobo, de distintas ideas políticas que me animan a continuar pola forma de traballar, con transparencia, boa xestión e co trato próximo a todos sen diferenciar a ideoloxía de cada quen, mirando sempre polas necesidades de Alfoz”.

En segundo lugar, di Val, “porque quero ver feitos proxectos que iniciamos neste tempo coma o Plan Básico de Urbanismo, O Centro de Interpretación de Pardo de Cela no noso Castelo, a mellora das beirarrúas da Seara, poñer en marcha o Plan de Dinamización das Parroquias para que cada veciño e veciña se sinta orgulloso do seu entorno, etc. marcando un antes e despois”.

Nesta candidatura acompáñano un equipo de mulleres e homes “comprometidos co seu pobo, que creen firmemente no potencial de Alfoz para seguir mellorando en todos os ámbitos, poñendo por diante sempre o benestar da veciñanza e avalado polo traballo realizado durante estes anos. Non hai case cambios na candidatura porque cando as cousas funcionan ben non é preciso cambialas”.

“Fixéronse distintas actividades culturais, educativas, deportivas, colaborando ao máximo coas asociacións e cos centros educativos de Alfoz. Continuamos e melloramos os programas de conciliación e de axudas aos estudantes, tanto coas becas de transporte como co servizo de información e tramitación de becas do Ministerio de Educación” dixo Val, ” e en turismo, seguimos promocionando o noso concello e poñendo en valor o seu gran patrimonio”.

“Non esquecemos nunca aos nosos maiores, invertendo en servizos sociais para cubrir as súas necesidades e tamén en actividades educativas coma o Programa Activamente ou deportivas para favorecer hábitos saudables”, engadiu.

VIA ALFOZ. A nova candidatura coa que os independentes presentaranse ás eleccións locais é a de Efigenia Maseda que releva no cargo a Xabier Pardiñas, quen fora candidato en 2015 pola agrupación de electores Veciños Independentes de Alfoz e en 2019, xa con VIA Alfoz, a causa dunha incompatibilidade por motivos profesionais.
A candidatura de Maseda está formada por unha lista paritaria, composta por oito mulleres e oito homes, acollendo a persoas de varias xeracións desde os 78 ata os 27 anos. e “xunta tanto experiencia como xuventude, comparte continuidade e renovación e está composta, sobre todo, por xente que elixe mellorar Alfoz”, segundo indica.

Nada en Alfoz, no barrio de Vilaúde, da parroquia de Mor, Maseda é Licenciada en Filoloxía Clásica pola USC. Foi traballadora do Concello de Alfoz, exercendo, en diferentes etapas, como Educadora Familiar, Administrativa e Animadora Sociocultural. Ademais, xestionou por parte do concello a organización e coordinación do Mercado Medieval entre 2007 e 2009, evento co que continuou colaborando ata o ano 2018. Esta etapa, ademais do seu traballo no servicio postal de Correos, faina coñecedora, non só da veciñanza, senón tamén dos diferentes lugares do concello de Alfoz.

PP. O enxeñeiro agrícola Juanjo Fraga foi presentado como o novo candidato do PP de Alfoz para recuperar a Alcaldía nas vindeiras eleccións municipais. Fraga é coñecido pola súa faceta de empresario, propietario e administrador de varias empresas relacionadas co sector agrícola-gandeiro, das cales tres delas están afincadas en Alfoz.

Desde a dirección provincial ratifican a decisión da xunta xestora local de apostar pola candidatura de Juanjo Fraga para conseguir o obxectivo de recuperar a Alcaldía de Alfoz nas eleccións de maio. Por outra banda, os populares destacan que é un municipio no que “estivemos moito tempo gobernando, excepto nos últimos 8 anos, o que supuxo unha experiencia política nefasta con perda de poboación e servizos”.

Fraga traslada os seus agradecementos á dirección provincial pola oportunidade de ser o representante dos populares para traballar polos veciños e por Alfoz. “Quero facer unha radiografía da situación actual do concello para tratar todos os aspectos a mellorar”, di. O candidato encabeza a lista popular “con moita ilusión e compromiso” e co obxectivo de facer un proxecto de futuro para reconducir a xestión do concello que nos últimos anos perdeu moitos servicios ante a incompetencia do goberno local.

CANDIDATOS ELECCIÓNS 2023

PSOE

1. Jorge Val Díaz
2. Ana Aránzazu Incera Ares
3. Cándido Paleo Rejes
4. Sonia Expósito Goás
5. Alejandro Carballeira Pedreira
6. Ana Belén Díaz González
7. Justo Juan Maseda Paz
8. María Luisa Goás Lorenzo
9. Carlos Sanjurjo Lorenzo
Suplentes:
1. Elías Pardeiro Cayón
2. José Ramón Vizoso Goás
3. Pedro Carreiras Vizoso
4. José María Expósito Rodríguez
5. Ramón Rubal Fernández
6. César Marrube Novo

VIA ALFOZ

1. Efigenia Maseda Paz
2. Eliseo Lorenzo García
3. Judit Casabella Pardeiro
4. Xabier Pardiñas Suárez
5. Susana Díaz Gil
6. María Fernanda Casabella
7. Pedro Luís Fernández Expósito
8. Iria Braña López
9. José Luís Cascudo Cascudo
Suplentes:
1. Carmen Dolores Geada Maseda
2. María José Prado Fernández
3. Yahel Rodríguez Rubal
4. Francisco José Fernández Fraga
5. Pablo José Maseda Rubal
6. Borja Vizoso Cora
7. Jordi Melián Pagés

VIA ALFOZ

1. Juan José Fraga Paz
2. Raquel Rouco Iglesias
3. Nerea Pena Vigo
4. Jesica García Fraga
5. José Juan Lorenzo Rubal
6. Andrea Fernández Rico
7. Rubén Fraga Goás
8. María Flor Pardo Rivera
9. Marco Vázquez López
Suplentes:
1. Iván Fernández Pernas
2. Alberto Souto Franco
3. Ana María Martínez Rego
4. Fernando Rico Val
5. Sandra Vizoso Cora
6. Jesús Paz Pumares