Skip to main content
Lugo

Responsables da Axencia Europea do Clima visitan hoxe Lugo

Por 12 Decembro, 2022Sin comentarios

Responsables da Axencia Executiva Europea do Clima, Infraestruturas e Medio Ambiente (CINEA) visitan hoxe o Concello de Lugo para coñecer de primeira man os avances da estratexia LIFE Lugo+Biodinámico. Tras a pandemia, a Axencia só visita os proxectos que consideran de maior  relevancia para a Comisión Europea.

Esta visita servirá para comprobar a execución das distintas accións do proxecto, ademais de ver ‘in situ’ o edificio Impulso Verde, así como os emprazamentos do bosque urbano, dúas iniciativas pioneiras en Galicia e de gran interese a nivel internacional.

A xornada comezará co recibimento por parte da Alcaldesa, Lara Méndez, que explicará a relevancia desta estratexia para a cidade. A continuación, levarase a cabo un repaso técnico a todo o proxecto, tras o cal, se realizará unha visita ao bosque urbano das Gándaras de 19 hectáreas, concretamente á área de fondosas, cultivos enerxéticos, o souto, o arboretum e o humidal. Xa durante a tarde, a visita finalizará no edificio Impulso Verde, enmarcado no futuro barrio multiecolóxico, onde tamén se proxecta unha innovadora zona verde de 1,2 hectáreas para promover a biodiversidade e que contará con novidosos hortos urbanos vinculados con usos lúdicos, agrícolas e ecolóxicos

A expedición estará liderada por Laura Giappichelli, conselleira de proxectos do Programa LIFE dentro do CINEA, e nela participarán representantes do Concello, impulsor da estratexia, así como das Universidades de Santiago de Compostela (USC) e da Politécnica de Madrid (UPM), socias investigadoras, e a Deputación, entidade cofinanciadora.

A Axencia Executiva Europea de Clima, Infraestruturas e Medio Ambiente (CINEA) é a organización que substituíu á Axencia Executiva de Innovación e Redes (INEA) dende o 1 de abril de 2021. O seu labor é axudar ás partes interesadas a aplicar o Pacto Verde Europeo a través dunha xestión de programas de alta calidade, que axude a executar proxectos beneficiosos para a descarbonización e o crecemento sostible.

A CINEA aplica os capítulos dos programas de financiamento da UE dedicados ao transporte, a enerxía e a acción polo clima. Dentro das perspectivas financeiras para o período 2021-2027, a Axencia ampliou a súa carteira de programas e céntrase en contribuír ao Pacto Verde, unha das prioridades da Comisión Europea.

O LIFE de Lugo, un proxecto referente

O LIFE Lugo+Biodinámico contempla accións pioneiras e vangardistas entre as que destacan: a construcción do edificio Impulso Verde, o primeiro edificio público de Galicia construído integramente en madeira local e semente do futuro Barrio Multiecolóxico da cidade; o Catálogo de Solucións Urbanas Sostibles GUD-Lugo, que inclúe 51 medidas para un desenvolvemento sostible aplicables a diferentes escalas de intervención urbana e exportables a outras cidades de tamaño medio e a Calculadora de Efectos Ambientais, unha das ferramentas máis innovadoras e que fai que este catálogo sexa pioneiro en Europa; ou a creación do novo bosque urbano das Gándaras, que alberga un arboretum con 15.000 exemplares e cultivos enerxéticos, así como 8 bosques autóctonos galegos con 55 especies arbóreas.

Entre as actuacións executadas, tamén se atopan a elaboración dun estudo piloto para a planificación detallada de zonas de confort climático residencial na cidade.