Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAViveiroZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Son Viveiro afea o retraso nas obras de saneamento nas cercanías da Feira de Galdo

Por 3 Agosto, 2020Sin comentarios

Son Viveiro-Son En Común formulará, no Pleno extraordinario do vindeiro martes 4 de agosto, un rogo relativo ao retraso na execución das obras de dotación de saneamento e pozos de bombeo nas proximidades da Feira de Galdo.

“O pozo de bombeo que debería estar en funcionamento continúa inactivo debido a que as obras do saneamento da referida zona se atopan paralizadas, sendo boa mostra disto a existencia dun burato de máis dun metro de profundidade -protexido por un valado e unha chapa metálica desde o mes de febreiro- na confluencia das estradas de Vieiro e Galdo”, din dende Son Viveiro.

A acometida do saneamento e a dotación de pozos de bombeo forma parte do compromiso acadado hai nin máis nin menos ca 12 anos por parte da antiga Aquagest, actual Viaqua, de execución de diversas obras ao seu cargo; a cambio disto, a compañía obtivo a ampliación da concesión da explotación do servizo municipal de auga potable e saneamento ata o 1 de xullo de 2033.

Así pois, Son Viveiro-Son en Común solicitaralle ao Goberno municipal que tome cartas no asunto para que tales obras sexan rematadas dunha vez por todas. “Resulta sinxelo facer promesas para mellorar o estado das áreas rurais do noso municipio, pero a realidade é moi diferente; precísase que o Viveiro que non se patrocina para o turismo, o Viveiro que non se ve, tamén teña acceso aos servizos necesarios, pois son de primeira necesidade para cidadanía. As áreas rurais deben ser prioritarias e non poden caer no abandono”, rematan dicindo.

RÚA NOVA

A vivenda en estado de deterioro situada na intersección da estrada O Sisto-Magazos coa Lugo-Viveiro, na Rúa Nova, conta cun corredor ruinoso do que se desprenden cascallos que supoñen un serio perigo para transeúntes.

Ademais, fronte á vivenda atópanse uns postes de tendido eléctrico e telefónico que dificultan a visibilidade na saída do stop para os que o grupo Son Viveiro xa solicitara en dúas ocasións unha modificación da súa ubicación (outubro 2015 e xullo de 2018).

“É realmente preocupante a situación de abandono no que se encontran diferentes zonas da contorna rural e ruriurbanas do Concello e que padecen desde hai tempo primeiramente as persoas que as habitan, pero tamén aquelas que desexan gozar dos seus atractivos turísticos”, din dende o grupo político.

Por iso solicitarán tamén no Pleno que se tomen as medidas oportunas para minimizar os riscos que supoñen os mencionados desprendementos e para que se efectúe, dunha vez, o cambio de ubicación dos postes de tendido eléctrico e telefónico.