Skip to main content
ActualidadeBurelaSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Suspendidas as actividades das escolas deportivas de Burela polo rebrote

Por 2 Xullo, 2020Sin comentarios

A Concellería de Turismo e de Deportes de Burela anuncia que se suspenden as actividades das escolas deportivas que ían comezar o vindeiro luns, debido ao rebrote de coronavirus que está a afectar á Mariña. Quedan canceladas tamén as visitas ao barco museo Reina del Carmen. O edil Ramiro Fernández asegura que en canto sexa posible poderían reanudarse ambas cousas. Neste verán non haberá a Ruta do Peixe por motivos de seguridade.

Fernández Rey comentou que “desde as Concellerías de Turismo e Deportes, das que son responsable, queremos anunciar que as escolas deportivas, que tiñamos anunciado que empezarían este próximo luns, dada a situación de incerteza que hai con respecto ao rebrote do coronavirus que está habendo na Mariña, máis concretamente en Burela, imos vernos obrigados a suspendelas de maneira momentánea, ata que as circunstancias así o digan. Se podemos chegar a facelas máis adiante intentaremos reactivalas, pero en principio imos suspendelas. Queremos informar a toda a xente que presentou a súa solicitude para participar nas actividades, que quedan suspendidas”.

O concelleiro de Turismo e de Deportes contou que “falando co alcalde decidimos tamén suspender as visitas ao barco museo polo mesmo motivo. Entendemos que a situación está lonxe de ser controlada e parece que cada día van aparecendo máis casos, e desde logo non queremos arriscarnos a que sexan un foco de infección nin as escolas deportivas nin o barco museo. Se vemos a posibilidade de reactivar máis adiante as escolas ou as visitas ao Reina del Carmen farémolo, pero desde logo a día de hoxe vémonos na obrigación de suspender estas actividades”.

Ramiro Fernández manifestou que “polas mesmas circunstancias as Rutas do Peixe, que viñamos celebrando todos os anos e que tanto éxito estaban tendo e que tanta xente está preguntando por elas, neste caso falando con ABSA, que é a outra entidade que colaboraba e activaba as Rutas do Peixe, tamén decidimos que este ano non imos facelas, derivado todo da situación que estamos vivindo agora mesmo, tanto na Mariña e particularmente en Burela, co tema do rebrote do coronavirus”.