Skip to main content
Burela

Talía Teatro actúa este venres en Burela

Dentro da Programación Cultural que a Delegación Municipal de Cultura ten preparado para este semestre, Talía Teatro actuará en Burela este venres, 13 de outubro, coa súa obra ‘A parábola do angazo’.

A compañía teatral creada en 1988, con un selo propio e orixinal que definen un estilo e unha forma de facer teatro ten como obxectivo a dignificación do teatro. Aínda que se dirixe a un amplo abano de espectadores, tamén presta unha especial atención ao teatro infantil e xuvenil por que considera que a creación de novos públicos é unha das asignaturas pendentes do teatro feito en Galicia.

‘A parábola do angazo’ é un espectáculo dirixido por Diego Rey e interpretado por Toño Cascais e Artur Trillo, coa que se quere sacar a lingua a pacer. Bótase unha ollada ao pasado, para poder ter outra perspectiva do noso presente e mesmo mirar de esguello ao que haberá no futuro. Así , rindo a eito, poderemos tirar da nosa lingua para sacala ben fóra e demostrar que aínda ten moito que dicir.