Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Testemuñas da pandemia: A Trastenda dos Contos

Felipe Díaz ou Caxoto, como se lle coñece, é un narrador oral que fai contos en teatros, bibliotecas ou colexios coa súa compañía de teatro, A Trastenda dos Contos.

El viu moi afectada a súa actividade xa que dende o inicio do confinamento automaticamente se lle cancelaron todas as actividades que tiña sen que haxa un día previsto de remate.

“É de supoñer que cando remate o confinamento as actividades que impliquen xuntar persoas nun espazo tardarán aínda en ser permitidas. Polas informacións que imos tendo ata os meses de verán xa case fixo que non poderemos traballar”.

Dende o sector cultural esperan e así o manifestan que esas actividades non se cancelen sen máis (de aí o #NonNosCanceles) senón que as pospoñan xa que eses cartos xa están reservados nos seus orzamentos. “Polo de agora moi poucas entidade nos confirmaron que ía ser así. Confiamos no bo facer do persoal técnico”.

A opción de teletraballo non é posible na súa actividade por que a narración oral baséase na comunicación ven sexa oral, xestual ou visual directa co público.

El puido acollerse á prestación extraordinaria por cese de actividade  pero non sabe canto aguantará nesta situación pois ten uns aforros que lle darán para  un par de meses de gastos.

Nas perspectivas de futuro non o ve claro xa que a cultura sempre soe ser unha das grandes damnificadas xa que non se considera algo imprescindible. “Se dende a Administración se esforzan por apoiarnos volveremos renacer”.

Como medidas que se poderían tomar nomea as máis inmediatas e racionais como manter as actividades anuladas para cando todo isto remate e medidas de apoio ao sector como liñas económicas a entidades que por cese de actividade vexan comprometida a súa supervivencia”.