Skip to main content
Trabada

Trabada inaugurou o Centro Etnográfico José Rocha

Por 14 Agosto, 2021Sin comentarios

Inaugurouse o novo Centro Etnográfico José Rocha de Trabada, este novo espazo situado no edificio das antigas escolas do municipio mariñao conta cunha achega de 18.000 euros da institución provincial a través do Plan Único de Coperación cos Concellos. 

Este novo centro etnográfico, público e de carácter municipal, nace coa misión de conservar e difundir o patrimonio material e inmaterial de carácter etnográfico do Concello de Trabada e tamén da comarca da Mariña, enmarcada no Camiño Norte de Santiago.

Tomé Roca, presidente da Deputación, destacou o valor deste centro que continúa vinculado á “difusión do coñecemento e contribuirá de maneira importante a dinamizar a vida social e a vida económica de Trabada”. “Se queremos que a xente se quede a vivir no noso rural, nas nosas aldeas e nos nosos pobos, o que temos que facer as administracións é achegar os servizos públicos aos veciños, non recortalos. E debemos, tamén, fomentar novos proxectos que fagan máis atractivos os nosos concellos, e que contribúan a crear emprego”, sinalou o mandatario provincial.

O Centro Etnográfico José Rocha contará seccións destinadas á etnografía e espazos para o arquivo fotográfico e bibliográfica cedidas, na súa maioría polo veciño trabadense,  José Rocha. O presidente quixo agradecerlle a “xenerosidade e polo seu compromiso coa súa terra” ao doar os elementos que agora poderán ser visibilizados por todas as persoas que se acheguen ao concello.

“Coidar de todo este patrimonio material e inmaterial é unha obriga que nos enriquece como sociedade, pero tamén é unha aposta polo futuro, polo desenvolvemento económico. Porque coñecer e difundir a historia é unha ferramenta de primeiro nivel para consolidar unha oferta turística diferenciada, de calidade, sostible, que pon en valor o patrimonio e que crea riqueza e emprego”, recordou José Tomé.

Os tres próximos días, desde domingo e ata o luns, serán xornadas de portas abertas, para que todas aquelas persoas interesadas teñan a posibilidade de visitar o centro en horario de 10:00 a 13:00 e de 17:00 a 21:00 horas. 

Centro de Atención a Maiores

Tomé Roca destacou a colaboración para o impulso do rural entre o Concello e a Deputación de Lugo. Así mesmo, lembrou que o Centro de Atención a Maiores de Trabada está “funcionando moi ben e, dende a institución provincial, temos solicitado á Administración autonómica a ampliación das prazas, das 30 actuais, a 39”.